CC da Educación e do Deporte acolle o 28 de setembro unha xornada científica da rede Frailnet

Unha rede de investigación afondará no campus nos efectos da actividade física na poboación maior

Promovida polo grupo HealthyFit, conta con inscrición gratuíta

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/09/2018

O concepto de fraxilidade, a definición das persoas maiores fráxiles como aquelas “que poden ver reducido o seu nivel de independencia nunha porcentaxe ampla nun curto período do tempo”, constitúe o eixo central do traballo investigador de Frailnet, unha rede integrada por cinco grupos das tres universidades galegas que o venres 28 de setembro celebrará as súas segundas xornadas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Xornadas que, baixo a coordinación do investigador principal do grupo HealthyFit, José María Cancela, porán o foco na incidencia que a actividade física pode ter no combate dese deterioro, “tanto físico como cognitivo”, que poden sufrir as persoas maiores integradas nese concepto de “poboación fráxil”.

“Trátase dun concepto moi novidoso, fálase dun síndrome de fraxilidade cando determinados elementos físicos ou cognitivos poden involucionar moi rapidamente, o que repercute na independencia do suxeito”, sinala Cancela do eixo de traballo dunha rede que conta co financiamento da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia. Así, en lugar de ter como campo de traballo a poboación maior en xeral, a idea de fraxilidade lévalles a centrar as súas investigacións naqueles e naquelas maiores con maior risco de sufrir este deterioro co propósito de definir novos programas de intervención “que permitan que non siga involucionando e que se manteña no borde desa fraxilidade”, sinala Cancela. 

Co foco na actividade física 

Os grupos de investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, en Diagnóstico Condutual e Molecular Aplicado á Saúde, tamén da UDC, os grupos de investigación en Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía e en Dependencia e Xerontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, xunto co grupo Healthyfit, son os cinco socios fundadores dunha rede que completan diferentes colaboradores externos e ten entre as súas actividades a organización dunhas xornadas  anuais centradas “nas diferentes áreas temáticas da fraxilidade”. Así, se en 2017, Frailnet centrou esta análise na cognición nunha xornada desenvolvida na USC, este ano o foco de análise porase nos efectos da actividade física sobre a poboación fráxil.

“O que se pretende con estas xornadas é incidir na importancia da actividade física controlada na poboación maior que é fráxil, a idea é dar a coñecer as diferentes liñas de actuación, as investigacións que se están desenvolvendo, o que hai que mellorar...”, engade Cancela dunhas xornadas que conta con inscrición gratuíta e que busca tamén servir aos e ás profesionais do traballo con persoas maiores, xa que “vanse ver programas que xa se están desenvolvendo e que efectos teñen”. O exercicio físico e a fraxilidade cognitiva, nunha conferencia do investigador da Universidade do Porto Jorge Mota, e a promoción dun envellecemento saudable, nun relatorio do profesor da Universidade do País Vasco Jon Irazusta serán dous dos puntos a análise nunha xornada que se completa cunha mesa redonda sobre avaliación e intervención en fraxilidade, na que se porán sobre a mesa experiencias concretas de traballo con este colectivo.

Exercicio fronte ao deterioro físico e cognitivo

Coordinada polo grupo de investigación en Xerontoloxía da UDC e do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña, a rede Frailnet ten como principal obxectivo o deseño de medidas que permitan poñer freo a ese deterioro, de tal xeito que estas xornadas se combinan cos traballos de investigación como o que o grupo HealthyFit aborda desde a súa principal liña de traballo, o desenvolvemento de protocolos de actividade física neste caso, orientados ao colectivo en concreto dos maiores considerados fráxiles. “Estamos traballando con diferentes centros de atención ás persoas maiores, avaliando con tarefas duais ou triais os seus efectos tanto no aspecto físico como cognitivo”, explica Cancela dun estudo no que se lle pide a un paciente que realice á vez tarefas motrices e cognitivas, “para ver que interferencias pode haber e que tarefas se poden facer para mellorar estes aspectos”, que se atopa actualmente en fase de análise de resultados.
 

Programa das xornadas Actividade física e fraxilidade