Un proxecto de innovación docente levou a 300 estudantes a calcular a súa emisión de CO2

Unha pegada de carbono de 8600 quilos

A iniciativa levouse a cabo en CC da Educación e do Deporte

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/09/2018

Unha pegada de carbono de 8623 quilos de CO2 emitidos á atmosfera ao longo dun ano. Esta foi a media na que se situou o cálculo da súa propia pegada de carbono que realizaron preto de 300 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no marco dun proxecto de innovación docente desenvolvido ao longo do pasado curso, que tiña por obxecto dotar ao alumnado de competencias para deseñar e planificar procesos de aprendizaxe innovadores á vez que contribuír á súa concienciación respecto dos efectos do cambio climático. Un proxecto que se completa coa edición dun pequeno manual con propostas para diminuír esa pegada de carbono persoal e que neste mes de setembro presentaba os seus resultados, a través dunha comunicación, na 28 edición dos Encontros de Didácticas das Ciencias Experimentais, celebrados na Coruña.

Oito docentes e unha investigadora predoutoral da facultade xunto coa colaboración, como asesores científicos, de persoal docente dos tres campus da Universidade de Vigo, participaron nun proxecto que ten como coordinador ao profesor Uxío Pérez e que foi desenvolvido polo grupo de innovación docente Educación científica, sustentabilidade e xénero, que dirixe a profesora María Álvarez Lires. “Neste momento, cuestións como o cambio ambiental global son de grande importancia, porque poden producirse cambios abruptos que sexan irreversibles e que poden ser catastróficos”, sinala Lires do eixo central dun proxecto que, a través de actividades como ese cálculo da pegada de carbono ou de experiencias dirixidas a achegar ao alumnado aos efectos da acidificación oceánica, buscaba promover unha reflexión “sobre que estamos facendo, como estamos producindo e consumindo e como nos relacionamos co medio ambiente”. 

Unha reflexión sobre o planeta e as ferramentas docentes

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa que promove a facultade, esta iniciativa levouse a cabo con preto de 300 estudantes en diferentes materias dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria e buscaba en primeiro termo familiarizar ao alumnado cos eixos do proxecto, o cambio climático e a acidificación oceánica, a diminución do nivel de pH nas augas debido á incorporación do C02 da atmosfera. Para iso leváronse a cabo iniciativas como a determinación do pH de diferentes substancias ou o cálculo da pegada de carbono, mediante o emprego dos recursos dixitais xerados no proxecto internacional I2SEA, auspiciado polas universidades de Stanford e Gothenburg xunto coa Wallenberg Global Learning Network. Deste xeito, segundo se apunta na memoria do proxecto buscábase promover a sensibilización do alumnado respecto dalgúns “fenómenos do cambio ambiental global, produto da acción humana”, á vez que unha “reflexión sobre prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente e utilizar recursos dixitais interactivos de ámbito internacional, que contribúan á implantación dunha educación para a sustentabilidade”.

Por outra banda, a través do traballo en grupo buscábase tamén promover entre o alumnado unha discusión respecto “do cambio ambiental global, as súas causas e consecuencias”, así como á proposta de “solucións para retos ambientais compartidos”, a través do traballo cooperativo. De feito, a última fase deste proxecto iniciado o pasado curso céntrase na edición dun “pequeno manual de propostas para mitigar o cambio ambiental global no referente á diminución da emisión de dióxido de carbono á atmosfera”.  

Confusión respecto das consecuencias do cambio climático

Na presentación dos resultados deste proxecto faise énfase en primeiro termo en que “os resultados da primeira fase de exploración e introdución de novos coñecementos mostraron que existía bastante confusión en relación coa orixe, as causas e consecuencias de cambio climático”. Así mesmo, explica a investigadora María Lorenzo, as e os estudantes “tamén sinalaban que descoñecían que os efectos do aumento do CO2 puidera ter relación co mar”, e polo tanto, a problemática que implica a acidificación oceánica. 

Por outra banda, o feito de que o cálculo da súa pegada de carbono se situase nunha media de 8623 quilos, superior tanto á media española, situada en preto de 7000 quilos, como á mundial, fixada en 3791 quilos e a posterior análise e comparación con outras persoas e países dos datos obtidos, levou tamén ao alumnado a unha reflexión respecto do seu “modelo de vida”, que tiña en común, explica Lorenzo, “o excesivo uso do transporte privado”.