A Vicerreitoría acolleu a presentación das actividades da Área de Benestar, Saúde e Deporte

Unha oferta deportiva aberta á sociedade

Con propostas tanto para a comunidade universitaria como para o conxunto da cidadanía

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 10/10/2018

Múltiples propostas de deporte e saúde dirixidas tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía integran a oferta de actividades impulsadas para o presente curso pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade no campus pontevedrés. Unha oferta de actividades que nesta xornada foi presentada na sede da Vicerreitoría do campus e composta ademais de polo abono que permite o acceso ás instalacións e servizos do Pavillón Universitario, por actividades dirixidas, rutas culturais, actividades no medio natural e competicións internas, ás que se suman á súa vez os servizos de fisioterapia e medicina deportiva.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alfonso Mandado; o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Manuel Morquecho; e o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro, foron os encargados de presentar un abano de actividades que responden así mesmo “a vocación de servizo e de ser comunidade” da institución académica, como salientou Soto. O vicerreitor do campus subliñou a importancia das actividades vinculadas coa actividade física e a saúde nunha “forma diferente de entender o campus e a Universidade”, así como a súa relevancia para o proxecto Green Campus, mentres que Madado anunciou a vontade desta área de ampliar estas iniciativas “cunha serie de conferencias” centradas en cuestións como a nutrición e a “preparación física e mental”.

O abono Muver, “o buque insignia”

Con preto de 600 usuarios e usuarias o pasado curso, a sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario constitúe un dos piares da oferta deportiva da institución académica no campus, a través do abono Muver, “o noso buque insignia”, como sinalou Loureiro. Cuns prezos de 35 euros por cuadrimestre e de 60 todo o curso para a comunidade universitaria e de 100 e 180 para persoas alleas á institución académica, este abono, ademais de acceso ás instalacións, supón tamén un 20% de desconto no resto das actividades da área e permite tamén a participación gratuíta nas tres actividades dirixidas que se desenvolven cada semana neste pavillón, pilates, ciclo indoor e cross training. A estas sumouse como novidade adestramento pesonalizado, unha actividade que se desenvolve en tres grupos dun máximo de cinco persoas, e dirixida a aqueles e aquelas “que necesiten un adestramento máis concreto e individualizado”, explicou Loureiro dunha proposta que ten un prezo de 50 euros por cuadrimestre para membros da comunidade universitaria e de 100 para o resto da cidadanía. 

O programa de actividades no medio natural, que integra propostas como flyboard, paddlesurf, surf, windsurf ou mergullo, rafting, parapente ou pontismo; e o programa de rutas culturais, cun prezo de inscrición de 10 euros para a comunidade universitaria e de 20 para o conxunto da cidadanía, forman parte tamén das propostas da Área de Benestar e Saúde. Ao igual que as ligas universitarias de diferentes deportes, que coa excepción de fútbol sala, “teñen a particularidade de que son todas competicións mixtas”, explicou Loureiro. A estas propostas súmanse así mesmo os servizos de fisioterapia e medicina deportiva na Escola de Enxeñaría Forestal e a oferta dos centros colaboradores, que ofrecen diferentes descontos ás e aos integrantes da comunidade universitaria.