O percorrido afondará na riqueza patrimonial e termal deste enclave

A primeira ruta cultural deste curso será por Baños de Molgas

A cita será o sábado 20 de outubro

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Visitas
  • Deportes
DUVI Ourense 11/10/2018

A programación de rutas culturais do curso 2018/2019, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, arranca o sábado 20 de outubro cun percorrido por Baños de Molgas, en Ourense, no que se mesturará historia e saúde. Aínda que especialmente dirixidas á participación da comunidade universitaria, estas andainas universitarias están abertas á cidadanía.

Cunha dificultade baixa e unha distancia de 16 quilómetros, o percorrido inclúe paradas interpretativas para coñecer o patrimonio do municipio, como o castro de Acea e a capela de Santa Eufemia. Ao remate do traxecto, as e os participantes terán a oportunidade de coñecer o Balneario de Baños de Molgas, sorteándose varios tratamentos termais nel. “Como é a primeira das andainas deste curso escollemos unha ruta sen dificultade para que a xente empece a poñerse en forma pouco a pouco. Trátase de ir de menos a máis a medida que vaiamos facendo rutas”, explica José García-Calvo, Willy, coordinador das andainas universitarias desde o campus de Ourense. Sobre o que agarda ás e aos participantes nesta primeira actividade, García-Calvo subliña como “é unha ruta que sorprende, que chama a atención. O percorrido está moi coidado e limpo e é moi bonito, con camiños antigos, bosques de castaños e carballos e o paso do río Arnoia”.   

Inscrición

A  inscrición, que se realiza por Internet, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada andaina pode inscribirse calquera persoa interesada. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando entre os 8 euros co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Existe tamén a posibilidade de adquirir bonos de 5 rutas a un prezo máis reducido aínda que estas persoas deberán inscribirse igualmente nas diferentes rutas ás que queiran asistir para confirmar a súa praza. Haberá autobuses para trasladar as persoas participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración ao alumnado universitario.

As persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.) e desde a organización sinalan que o equipo aconsellable para este tipo de rutas debe estar formado por mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa (outros calcetíns), navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra.