Nunhas xornadas de portas abertas celebradas o venres e sábado en Vigo e Ourense

Arredor de 120 persoas achegáronse a “investigar” co Cinbio

A actividade forma parte do programa Divulgando Ciencia Singular

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 29/10/2018

Dentro do programa Divulgando Ciencia Singular e baixo o lema Cinbio conCiencia. Investiga connosco, o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, organizou esta fin de semana dúas xornadas de portas abertas: unha o venres 26 de outubro na sede do centro, no campus de Vigo, e outra o sábado 27 no edificio Politécnico do campus de Ourense. Arredor de 120 persoas se achegaron a coñecer de primeira man a investigación que realizan as e os investigadores deste centro nunha e noutra cidade.

A xornada celebrada no campus de Vigo, que tivo lugar pola tarde, propuxo ás e aos asistentes catro actividades, dous talleres en laboratorio e dúas charlas. Os obradoiros levaron por título As túas células e os seus xenes e Preparación de nanopartículas de ouro. As charlas foron Arquitectos moleculares, relacionada coa química orgánica, e Medicina e saúde: os datos contan, relacionada coa apnea do sono dende o eido da bioestatística. Polo que respecta á programación celebrada en Ourense incluíu diversas actividades relacionadas coa bioinformática e os produtos bioactivos. No eido da enxeñaría química, desenvolveuse o taller sobre prebióticos/antioxidantes Biomoléculas activas no teu día a día, e no eido da enxeñaría informática tivo lugar a charla Intelixencia Artificial no ámbito sanitario, a cargo do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración, SING.

“A actividade foi todo un éxito, sorprendeunos moi gratamente a resposta que tivo”, comenta Florentino Fernández Riverola, vicedirector do Cinbio e responsable do Grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración, un dos 13 que conforman este centro. Así, apunta, as prazas dispoñibles quedáronse curtas para atender todas as solicitudes recibidas. “O máis satisfactorio é que acadamos o noso obxectivo de achegarnos á sociedade. Entre o público non había xente da universidade, había rapaces, había pais e nais e ata había avós. E durante as charlas e talleres vimos moito interese neles. Foi un éxito que haberá que repetir e ir mellorando en cada edición”, sinala Fernández Riverola.