A Xunta de Galicia financia dúas agrupacións estratéxicas da Universidade de Vigo

424.000 euros para crear o Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga

Ecobas acada 400.000 euros para a súa consolidación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 06/11/2018

424.084 euros para a creación do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca) e 400.000 euros para a consolidación de Economics and Business Administration for Society (Ecobas). Estas son as contías acadadas pola Universidade de Vigo na convocatoria de axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia feita pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Este financiamento, explica a coordinadora de Citaca, Ana María Torrado, “permitirá ao proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga dotarse dun instrumento tractor que contribuirá activamente ao desenvolvemento da contorna socioeconómica”.

Sobre os resultados acadados nesta convocatoria, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, sinala a importancia do financiamento e da creación de novas agrupacións estratéxicas pois “o seu obxectivo é agrupar as capacidades que teñen as e os investigadores individualmente e que a suma de varios grupos de investigación potencie a investigación nun determinado ámbito. Buscan que todos remen no mesmo sentido e se avance en investigación”. No caso de Citaca, a vicerreitora subliña a boa puntuación acadada na convocatoria e como o seu financiamento se enmarca na aposta pola especialización dos campus do SUG. No caso de Ecobas, Belén Rubio destaca o feito de “que se recoñeza o traballo que fai unha agrupación do ámbito das ciencias económicas”. A terceira solicitude presentada, INEX, proposta como Agrupación Estratéxica Industria e Enerxía, non acadou financiamento, recalcando a vicerreitora a convicción da necesidade dunha agrupación estratéxica neste eido na Universidade de Vigo e a intención de reformular a proposta para concorrer á vindeira convocatoria.

Citaca, unha agrupación de nova creación

Entre as catro novas agrupacións que acadaron financiamento da Xunta de Galicia está Citaca. O novo Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga, explica Ana María Torrado, está formado por nove grupos de investigación e 134 investigadores e investigadoras. Os grupos de investigación da Universidade de Vigo que participan son Investigacións Agrarias e Agroalimentarias; Agrobioloxía Ambiental; Planta, Solo e Valorización de Subprodutos; Tecnoloxía de Alimentos; Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental; Síntese, Estrutura e Simulación; Bioloxía Aplicada a Agroecosistemas e Laboratorio de Informática Aplicada. Da Universidade de Santiago de Compostela participa o grupo Enxeñaría e Xestión de Procesos e Produtos Sostibles. A eles súmase persoal investigador colaborador de institucións como o CSIC e diversos centros tecnolóxicos.  

A misión de Citaca, indica a súa coordinadora, é “crear unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía e coñecemento a fin de contribuír á sustentabilidade ambiental e á competitividade do sector agroalimentario, co fin de garantir auga e alimentos sans e saudables”. A súa posta en marcha faise a partir dun dos multicluster I+D do Campus da Auga, concretamente do Clúster 1. Alimentación, Medio ambiente e TIC´s, que aglutina a varios grupos radicados na Facultade de Ciencias e na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, que viñan colaborando desde hai varios anos con investigadores da Facultade de Bioloxía do campus de Vigo dentro das áreas de especialización de alimentación e medio ambiente.

En concordancia co Campus da Auga, a nova agrupación sitúa a auga como eixe primordial que conecta todas as etapas do ciclo produtivo dos alimentos, considerando o aproveitamento dos residuos xerados en cada etapa, a súa relación co medio ambiente e a calidade da auga como recurso vulnerable. En consecuencia, o Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga define tres liñas de investigación prioritarias. A primeira é Auga e solo: protección dos recursos hídricos e o seu obxectivo é potenciar os servizos ecosistémicos do solo na súa función de protección, conservación e depuración da auga nun contexto de produción agrícola e de valorización de subprodutos e augas residuais potencialmente contaminantes. A segunda liña é Produción primaria sustentable, centrada no aproveitamento racional dos recursos, insumos e subprodutos implicados na produción primaria agrícola mediante o desenvolvemento de procesos, metodoloxías e tecnoloxías para un uso eficiente e seguro dos mesmos. Por último, a terceira liña de investigación de Citaca é Seguridade e calidade alimentaria: competitividade e sustentabilidade, sendo o seu obxectivo potenciar o desenvolvemento dunha industria agroalimentaria competitiva e sustentable baseada na produción de alimentos seguros, de elevada calidade nutricional, organoléptica e funcional, e que reduza o consumo de auga e outros recursos.

Ecobas, unha agrupación que se consolida

A segunda das agrupacións estratéxicas da Universidade de Vigo que acada financiamento nesta convocatoria é Ecobas, que recibirá unha axuda de 400.000 euros, repartidos en tres anualidades: 100.000 euros neste 2018, 160.000 en 2019 e 140.000 en 2020. A concesión encádrase na modalidade de consolidación destinada ás agrupacións creadas ao abeiro da convocatoria de 2015. Con esta contía trátase de apoiar o programa de accións relacionadas coa axenda científica da agrupación, o fortalecemento da súa estrutura interna e o fomento da súa proxección cara ao exterior, a integración e o fortalecemento de sinerxías para unha mellor consecución dos seus fins.

Ecobas é a primeira agrupación estratéxica do SUG centrada no eido xurídico-social e está formada por 11 grupos de investigación con arredor de 150 investigadores de áreas relacionadas coa economía dos recursos naturais, a ambiental e enerxética, a innovación, e o emprendemento, entre outras. O seu coordinador, Carlos Hervés, explica que tras consolidar a agrupación, o seguinte paso, xa en 2020 será tratar se converterse en centro singular. Por este motivo, “teremos que traballar para redefinir a nosa estratexia, para ser un conxunto de investigadores en lugar de un conxunto de grupos”, explica. O que non cambiará serán “as tres patas de Ecobas: a formación do persoal investigador, a investigación de calidade e a transferencia á sociedade”. Hervés remarca neste sentido que para a agrupación é básico “estar en contacto co tecido empresarial, que os resultados da nosa investigación teórica sexan aplicables e para isto unha das vías principais é a elaboración do Informe Ardán en colaboración coa Zona Franca, en cuxa última edición incluíu varias novidades como un estudo sobre a desigualdade e outro sobre economía circular”. No eido da investigación remarcou que dende 2015 conseguise incrementar a participación dos grupos de Ecobas en proxectos europeos e, respecto da formación, lembrou que a agrupación impulsa o programa de doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial e neste curso puxeron en marcha o Mestrado en Economía, en ambos casos en colaboración coas outras dúas universidades galegas.