Está destinado á formación de educadores e educadoras sociais e alumnado

Un curso abordará as estratexias de acompañamento socioeducativo de mocidade en dificultade social

A docencia será impartida polo profesor da Universidade Jesús Deibe Fernández Simo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 08/11/2018

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acollerá os días 9 e 16 de novembro o curso Estratexias eficaces no acompañamento socioeducativo con mocidade en dificultade social. Organizada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia coa colaboración da facultade que o acolle, a iniciativa pretende ampliar e actualizar os coñecementos de profesionais e estudantes sobre esta cuestión.

A formación será impartida por Jesús Deibe Fernández Simo, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e educador social que ten desempeñado funcións educativas no ámbito da infancia e a adolescencia en dificultade social en distintas entidades do terceiro sector e que ten centrado a súa actividade investigadora tamén neste eido. “A formación pretende ser un espazo de reflexión sobre a praxe actual nos recursos de atención á infancia, adolescencia e mocidade. Procura a facilitación do corpus teórico sobre a cuestión, así como potenciar prácticas de reflexión e escrita, nun intento de fomentar o achegamento á investigación acción das educadoras e educadores sociais”, comentan desde a organización. Trátase, apuntan, “dun exercicio pendente cara unha práctica fundamentada, que á súa vez incida na actualización do corpo teórico".

Teoría e práctica

O primeiro dos tres obxectivos que se marca a formación é afondar no corpo teórico e na investigación recente sobre as estratexia socioeducativas máis eficaces para o acompañamento con adolescentes e mocidade en situación de dificultade social. O segundo é potenciar unha reflexión sobre a praxe profesional actual, nos recursos de atención á infancia, adolescencia e mocidade, así como a súa adecuación ás necesidades reais das persoas acompañadas. Por último, o curso quere fomentar “un facer educativo de calidade, que supere paradigmas asistencialistas e/ou sobreprotectores, apostando por dinámicas asentadas no rigor profesional propio da educación social”. 

Ao longo das dúas sesións que se celebrarán na Facultade de Ciencias da Educación, Fernández Simo abordará cas e cos asistentes cuestións como a situación actual dos recursos de atención á infancia, adolescencia e mocidade; a educación social nos equipos educativos, as resistencias de prácticas asistencialistas, a acción socioeducativa de calidade, a construción da estratexia socioeducativa e a contribución das educadoras e educadores sociais á actualización do corpus teórico.