A XXVII Gala do Deporte Universitario celebrarase o vindeiro día 21 no Auditorio do Concello

Unha noite para festexar éxitos deportivos e reivindicar valores colectivos

O evento estará presentado polo actor Carlos Blanco e o padriño será Eduardo Vieira

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Premios
  • Deportes
DUVI 08/11/2018

Máis aló das vitorias, das medallas e dos resultados nas competicións, a tradicional Gala do Deporte Universitario é unha cita cos valores deportivos, coa participación, co compañeirismo e a iniciativa, tanto da comunidade universitaria como da cidadanía en xeral. A vixésimo sétima edición deste evento celebrarase o vindeiro día 21 deste mes no Auditorio do Concello de Vigo, presentado polo actor Carlos Blanco e co empresario e creador da Vig-Bay, Eduardo Vieira como padriño. En total, entregaranse 39 galardóns, tanto a deportistas e clubs da Universidade de Vigo como a outras persoas ou equipos da cidade que traballan a prol da promoción dos valores do deporte, como explica Javier Rial, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte. “Queremos recoñecer non só os éxitos deportivos en competicións, senón o espírito solidario e valores como o esforzo, a implicación, o liderado, a motivación, etc.”

 A gala, que arrancará coa actuación musical da banda Igloo e incluirá un monólogo de Carlos Blanco, comprende varios bloques de premios, estando o primeiro deles centrado en recoñecer o deporte de competición da Universidade. Entregaranse nos 17 galardóns individuais e catro colectivos a “medallistas e participantes en competicións universitarias e federadas”, como explica Javier Rial. Neste bloque subirán ao escenario as e os medallistas nos Campionatos de España Universitarios 2018 de taekwondo (Miryam García, Celia Tortosa e Iván García), de natación (Daniel Sánchez), de atletismo (Leticia Fernández, Jean Marie Okutu e Adrián Pérez), de loita (Lydia Pérez, Noelia Lalín, Nerea Pampín, Cristina Alves e Pablo García), de bádminton (Laura Valverde e Alejandro Rivadulla) e de judo (Alexis Rosa). Tamén recibirán o seus galardóns os padexeiros Raquel Da Costa e David Novas, medallistas individuais nos EU Games e os equipos de loitas olímpicas-feminino, voleibol masculino, vela e piragüismo que obtiveron medallas nos campionatos de España e internacionais universitarios 2017.

Recoñecementos e mencións especiais

Neste primeiro bloque tamén se inclúen unha serie de recoñecementos especiais, tanto a equipos como individuais, polo seu esforzo en prol do deporte universitario. Recibirán un galardón as mulleres que forman parte do equipo de orientación, o equipo de carreiras populares do campus de Vigo e o equipo de UVigo Motorsport. Os recoñecementos especiais individuais serán para Carlos González e Fernando Franco, fundadores do Club de Tenis Dereito-Empresariais. 

Javier Rial destaca con este evento trátase de reivindicar e premiar a implicación, a iniciativa, o liderado e o esforzo por poñer en marcha proxectos propios que xeren comunidade. Este é o caso das persoas e entidades que recibirán as mencións especiais polo seu esforzo na promoción do deporte e os seus valores, como son Isabel Pastoriza, investigadora e integrante do equipo federado de Orientación e Marcos Casal Grajal, titulado pola Universidade de Vigo e presidente da Federación Galega de Deporte Adaptado. Outro dos galardóns recaerá na Delegación de alumnado da Escola de Minas e Enerxía, polo seu esforzo en prol do deporte universitario. Como sinala Rial, “son un exemplo de implicación, iniciativa e traballo, poñendo en marcha cada ano a carreira de Santa Bárbara e organizando unha semana de competicións deportivas co gallo da súa patroa. A iso únese o feito de que veñen de constituírse como club deportivo, son un exemplo de valores universitarios”. Nesta categoría tamén se encadra o Premio ao Deportista Universitario do ano, que nesta edición será para atleta olímpico Jean Marie Okutu, que coa UVigo obtivo o ouro en salto de lonxitude no Campionato de España Universitario deste ano. Finalmente, tamén se entregarán os galardóns que recoñecen as achegas da cidadanía, que irán parar ás mans da Agrupación de antigos xogadores do Real Club Celta de Vigo, que recibirá o VII Premio VIDA á traxectoria persoal e deportiva; o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia recibirá o IV Premio ao fomento da iniciación deportiva e, por último, o VII Premio Valor Solidario será para David Gil, pola súa iniciativa 700 Camisetas contra a Leucemia. 

A gala pecharase coa entrega das máximas distincións deportiva que outorga a Universidade de Vigo, os Premios á Excelencia Académica e Deportiva, que chegan á súa décima edición. Estes galardóns recoñecen ás tres alumnas e tres alumnos co mellor rendemento tanto dende o punto de vista deportivo como atendendo á conciliación coa vida académica. Os premiados, que corresponden ao pasado curso, serán elixidos a vindeira semana por unha comisión especializada.

Procura de persoas voluntarias    

De cara ao evento, a Área de Benestar, Saúde e Deporte está a buscar voluntarios e voluntarias que axuden no desenvolvemento da gala. As e os estudantes interesados poden inscribirse a través de Culturxest e a cambio terán o recoñecemento de seis horas en cómputo ECTS, un agasallo e acceso de balde ata o 31 de agosto á sala cardio-fitness do campus de Vigo.