A Vicerreitoría colabora co Grupo Cuevas nunha acción de divulgación

Unha exposición e unha cata para achegar o Campus da Auga á cidadanía

As actividades terán lugar no supermercado Aquié de Ourense

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 08/11/2018

No marco das actividades de divulgación do Campus da Auga, este xoves presentouse no campus de Ourense unha colaboración entre o Grupo Cuevas e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento dunha exposición e unha cata centradas na auga que terán como escenario o supermercado Aquié do grupo empresarial en Ourense. 

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense-Campus da Auga; Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas; Enrique Barreiro, director de Área do Campus da Auga, e Concepción Pérez, docente do Departamento de Química Analítica da Universidade de Vigo, foron as e os encargados de presentar a iniciativa. Esther de Blas salientou a súa satisfacción por colaborar nesta actividade cun grupo “que xunta tradición con calidade e innovación” a amosou o seu desexo de que “esta primeira actividade conxunta de cara a sociedade sexa a inicio dunha colaboración que medre no tempo”. Amosando tamén a satisfacción por pór en marcha esta colaboración coa institución académica, Artur Yuste salientou como desde o Grupo Cuevas “queremos pór a nosa forza ao servizo do Campus da Auga”. Nesta primeira acción de divulgación, apuntou o director xeral da entidade, o obxectivo é acadar que as e os clientes “ao entrar no noso supermercado accedan a información e formación” no eido da auga e do Campus da Auga.  

Pola súa banda, Enrique Barreiro subliñou como esta iniciativa xorde xa que “unha das funcións principais do Campus da Auga é a divulgación e esta é unha acción de divulgación”. O responsable do proxecto de especialización do campus de Ourense salientou a importancia de levar a cabo iniciativas que leven a Universidade fóra das aulas e a acheguen á cidadanía nos seus espazos de interacción habitual, como é neste caso un supermercado. “Onde estea a xente ten que estar a Universidade contando o que fai”, afirmou, facendo fincapé na relevancia de “facer un continuo esforzo” por estar en contacto coa cidadanía.  

Coñecendo o Campus da Auga

A primeira das colaboracións consiste na participación do Campus da Auga na exposición Dous litros de auga ao día que se implantará no supermercado Aquié da rúa Doutor Fleming de Ourense o vindeiro 14 de novembro. Na mostra, as e os clientes poderán ver varios paneis con información sobre o Campus da Auga, sobre as súas características e obxectivos, e tamén ter información relacionada co hábito saudable de beber cando menos dous litros de auga ao día, ademais de ver unha mostra de augas singulares do mundo. Durante a duración da exposición tamén se emitirá nas pantallas do supermercado un vídeo sobre o Campus da Auga e se entregará material informativo do proxecto de especialización do campus de Ourense.

Aprendendo sobre o sabor da auga

A segunda das accións que se levará a cabo é unha cata de augas o día 20 de novembro no mesmo establecemento. As e os clientes que o desexen poderán participar nunha cata de augas organizada polas profesoras da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Concepción Pérez e Elena Falqué. En contra da idea de que a auga non ten sabor, que é insípida, as investigadoras tratarán nesta actividade de que a xente participante detecte sabores en augas minerais naturais. Para acadalo, despois de traballar brevemente a identificación de sabores básicos, as e os interesados probarán diferentes augas que teñen un ou varios sabores marcados e intentarán identificalos. Ademais, durante a cata as e os participantes aprenderán a conxugar cada un dos sabores identificados nas augas probadas con diferentes alimentos. Finalmente, adquirirán nocións básicas sobre o etiquetado das botellas de auga mineral natural, coñecendo que información é obrigatoria que recollan e cal non é, entre outros aspectos.