14 persoas participan no obradoiro ‘Elaboración de pan artesán con formento’

Redescubrindo a forma de facer pan

O taller cubriu en apenas uns días todas as prazas dispoñibles

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
Ana Proupín DUVI 09/11/2018

Está de moda facer pan? Moreas de libros, blogs, vídeos, cursos ou conferencias sobre como facelo inundan tanto internet coma tendas de libros. As diferentes opcións van dirixidas a todo o público, dende principiantes ata persoas que polo tempo que lle levan dedicado xa son verdadeiras especialistas e, xunto a isto, as ventas de panificadoras seguen a aumentar.  Neste contexto, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria lanzou este ano o obradoiro Elaboración de pan artesán con formento, unha iniciativa que gozou dunha grande acollida entre o público, cubrindo en apenas uns días todas as prazas dispoñibles.

A idea para facer este obradoiro xurdiu do interese que espertou o ano pasado o taller Plantas silvestres comestibles de primavera, no que tamén se encheron as prazas vacantes nun tempo récord. Agora, neste novo obradoiro, combínanse aspectos teóricos sobre as calidades nutricionais do pan feito con formento e con fariñas de cereais cultivados de maneira respectuosa co produtor, o consumidor e a natureza á vez que se practica a elaboración do pan. “O formento é o levedo que se fai a base de fariña e auga, o tradicional; axuda a dixerir mellor o pan e aproveita unha chea de nutrientes”, explica César Lema, unha das dúas persoas que imparten o curso. 

As 14 persoas que están a participar no taller teñen perfís variados, a maioría son mulleres de mediana idade, tanto da contorna universitaria coma allea, que se esforzan e teñen interese en aprender a facer os seus propios pans nutritivos a base de fariñas de trigo, de millo, de centeo, de landra, sen glute, de plantas silvestres... “Cando un adquire os coñecementos teóricos e prácticos e ten vontade de alimentarse co pan noso de cada día a cousa é moito mais doada”, afirman dende a organización. 

Cociña combinada cun percorrido polo campus de Vigo

As clases desenvólvense na sala II do edificio Miralles e alí cada mércores pola tarde e durante tres horas, o alumnado aprende a manipular e crear pan de diferentes tipos; tamén traballan as variadas técnicas de elaboración como son a autólises (proceso biolóxico polo que unha célula se autodestrúe), a mestura, o repouso, o amasado, as fermentacións, o boleado, o formado e a cocción. Por outro lado, o programa do curso inclúe a posibilidade de coñecer, a través dunha andaina pola contorna do campus, as plantas silvestres que se poden engadir ás fariñas de cereais para darlle máis nutrientes e outros gustos e sabores, “a diversidade da contorna permítenos ensinarlles que hai moito máis que trigo, é dicir, agricultura” engade Lema.

Pensando no futuro

O alumnado ten claro que o que máis lle gusta é “ver que o pan sae ben e que é sabedeiro pero a pesar das ganas de facer un bo pan, o manexo do formento é complicado e require moita preparación”, comentan dende o obradoiro. Os profesores que imparten o curso, César Lema e Sofía Armenteros, saben o complicado que é facer o pan tradicional e, pese a iso, teñen o propósito de que dentro dun ano o cen por cen do alumnado siga elaborando o seu pan con formento e fariñas cultivadas de forma respectuosa coas persoas que traballan o campo, coas que consumen e coa terra, para recuperar a idea do pan como alimento básico de sempre. Neste obradoiro ponse unha “pequena semente para que a xente decida se quere coidala ou non”, conclúe Lema.