Coa conferencia de Carlos Salzani e a presentación do libro 'Saramago’s Philosophical Heritage'

A Cátedra Saramago organiza unha xornada sobre a relación entre o escritor e as correntes filosóficas

No Centro Cultural do Instituto Camões o vindeiro día 14 ás 19.00 h

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI 09/11/2018

A Cátedra Internacional José Saramago continúa programando actividades culturais e divulgativas para fomentar o coñecemento sobre a figura do Nobel portugués entre a cidadanía. Desta volta, será o profesor e investigador Carlos Salzani o encargado de ofrecer un relatorio para afondar na relación de Saramago coa filosofía, que terá lugar o vindeiro día 14 de novembro ás 19.00 horas no Centro Cultural do Instituto Camões.

A cátedra, dirixida polo profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, ten como finalidade o estudo e difusión da obra o pensamento do autor de Ensaio sobre a cegueira e achegalo a temas de actualidade literaria, cultural, social ou política.  Nesta ocasión, a filosofía será o eixo central da xornada, xa que Salzani explicará a relación persoal do escritor con esta disciplina, da que existen varios exemplos tanto nas súas obras como nos diarios, conferencias ou entrevistas que ofreceu Saramago, nas que aparecen referencias a diferentes filósofos e correntes de pensamento filosófico. Segundo o estudoso italiano, a “inclinación” de Saramago pola filosofía tamén se reflicte na súa escrita, xa que afectou á “forma” da súa arte narrativa, que el mesmo denominaba "tentación ensaística" dos seus romances.  Esa "tentación" disolve as divisións e separacións entre xéneros literarios e transforma a novela nun "espazo literario," que, como tal, admite todo no seu ámbito, dende ensaio, ciencia ou historiografía, ata poesía e tamén a filosofía, sostén Carlos Salzani.

Un libro sobre a herdanza filosófica de Saramago

Todas estas reflexións recóllense no libro Saramago’s Philosophical Heritage, publicado polo propio Salzani xunto con Kristof K. P. Vanhoutte, profesor da University of the Free State, Sudáfrica, na editorial Palgrave Macmillan. Esta publicación presentarase ao remate do relatorio e responde, segundo os seus autores, a que nas últimas décadas creceu o interese pola diagnose filosófica das obras de moitos autores internacionais, sen embargo as obras de Saramago quedaron ao marxe desta corrente. Con este libro, recoñecen que tratan de encher este baleiro ofrecendo un repaso por diferentes perspectivas filosóficas sobre o traballo de Saramago. Os diferentes capítulos exploran algúns posibles problemas derivados das súas obras, dende o uso da alegoría de Platón pola cova ata as súas relecturas de relatos bíblicos; a partir da súa crítica e "reinvención" da filosofía da historia á súa exploración alegórica das historias alternativas. Os ensaios aquí confrontan a ficción de Saramago con conceptos, teorías e suxestións pertencentes a diversas tradicións filosóficas e filósofos como Platón, Pascal, Kierkegaard, Freud, Benjamin, Heidegger, Lacan, Foucault, Patočka, Derrida, Agamben e Žižek.