Financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades con preto de 300.000 euros

A Universidade estreará este mes un laboratorio que situará a Vigo como referente europeo no estudo da linguaxe

Farase investigación “de moi alto nivel” que “repercuta positivamente no benestar das persoas”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 09/11/2018

A Universidade de Vigo estreará este mes un novo laboratorio, pero nesta ocasión non será nunha escola de enxeñaría nin nunha facultade do ámbito científico, senón na de Filoloxía e Tradución. Falamos do Laboratorio de Cognición e Linguaxe, un proxecto que vai pórse en marcha tras concederlle o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades unha subvención de 291.000 euros, financiamento que irá destinado á adquisición de equipamento “que situará á nosa Universidade como un referente da investigación máis punteira neste ámbito, non só no Sistema Universitario Galego, senón tamén no Estado e en Europa”, salientan os seus coordinadores, os docentes Rosalía Rodríguez Vázquez  e Miguel Cuevas, ao tempo que fan fincapé en que o éxito desta solicitude supón tamén un importante fito no eido das Humanidades, “xa que en moi poucas ocasións se teñen concedido importes tan significativos para proxectos de investigación sobre linguaxe e cognición”.

A resolución das axudas do ministerio fixéronse públicas o pasado mes de outubro e, de momento, están en fase provisional, pero agardan recibir en breve a confirmación definitiva. Coa cantidade concedida, en cofinanciamento coa Xunta de Galicia e a propia Universidade, adquiriranse toda unha serie de equipamentos que permitirán, por exemplo, obter información sobre cambios nas actividades eléctricas, hemodinámicas e metabólicas do cerebro, aspectos necesarios para que os investigadores e investigadoras que se integran nesta solicitude e que conforman o equipo humano do laboratorio poidan desenvolver novas vías de traballo.

“Na actualidade, un dos retos máis relevantes no estudo da linguaxe é a investigación sobre como se integra e procesa a información, así como a reconciliación das descricións formais e funcionais coa evidencia experimental derivada da investigación sobre os procesos cognitivos implicados na produción e percepción da linguaxe”, explican Cuevas e Rodríguez Vázquez, ao que engaden que os membros dos diferentes equipos que se integran arredor do laboratorio son conscientes da necesidade de que as abstraccións estruturais, “elementos centrais no estudo sobre a linguaxe”, se deben completar con investigacións procedentes da psicoloxía, a acústica, e a neurociencia, de xeito que se poidan repensar as teorías actuais. 

Un laboratorio para facer análises “multifaceta” da linguaxe

Neste marco, unha das principais funcións do novo laboratorio terá que ver coa análise da linguaxe dende unha perspectiva que os seus directores denominan como “multifacetada”, no senso de que o procesamento lingüístico que se pretende levar a cabo se relaciona cunha análise xeral da comunicación denominada multimodalidade, segundo a cal a comunicación é unha construción complexa modelada polo individuo na que cada un dos modos proporciona diferentes elementos desde o punto de vista comunicativo que xeran distintos significados de recursos semiótica de natureza social.  “Neste sentido, os membros dos equipos que imos traballar no laboratorio entendemos o uso dun modo de comunicación específico, neste caso o idioma, como o foco deste proxecto, é unha parte e só parte dun resultado multimodal”, recalcan Rodríguez Vázquez e Cuevas, investigadores e docentes do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, e do Departamento de Lingua Española, respectivamente.

Estas cuestións impulsaron a estes dous investigadores a buscar sinerxías con especialistas de diferentes ámbitos de coñecemento a pór en marcha este proxecto. Eles contaban xa coa experiencia adquirida no Laboratorio de Fonética e Fonoloxía Experimentais, que impulsaron hai xa máis de catro anos no centro, pero agora tratábase de ampliar as expectativas para tentar dotar ao mesmo coas ferramentas necesarias para realizar investigación no eido das Ciencias Cognitivas.

Útil para múltiples disciplinas: neuroloxía, psicoloxía, lingüística...

Os proxectos de investigación que se van impulsar dende o laboratorio teñen unha forte trans e interdisciplinariedade, con equipos de investigación de varias disciplinas científicas, desde a neuroloxía, a neurociencia e a psicoloxía, ata as telecomunicacións e a estatística, pasando, por suposto, pola lingüística e maila tradución. “Esta perspectiva suporá un gran número de sinerxías e unha investigación de moi alto nivel, transferible á empresa e á sociedade, que, esperamos, logre acadar un bo número de publicacións e proxectos de investigación nacionais e internacionais e repercuta positivamente no benestar das persoas, especialmente daquelas con discapacidade física ou cognitiva”, indica Rodríguez Vázquez. 

Ademais dos proxectos que poñan en marcha os equipos e investigadores/as adscritos ao laboratorio, dende a dirección do centro fomentarase en todo momento o intercambio científico, xa que as novas instalacións nacen precisamente co obxectivo de poder acoller investigadores/as tanto nacionais como internacionais coas suficientes garantías para que poidan realizar aquí a súa investigación. “Unha das nosas prioridades é establecer relacións con grupos e universidades punteiras no eido das neurociencias, aspecto no que xa estamos a traballar dende hai un ano”, subliña Cuevas.

A inauguración será o xoves 22 de novembro

A inauguración oficial do laboratorio será o vindeiro xoves 22 de novembro e, para entón, están a preparar unha serie de actividades coas que visibilizar a vocación interdisciplinar coa que nacen estas instalacións. Nesta liña, desde a súa dirección lembran que na solicitude da axuda ao ministerio contaron coa complicidade e apoio da Vicerreitoría de Investigación e, máis concretamente, da súa responsable nese intre, a profesora Asunción Longo. “Ela foi a que nos informou da existencia destas axudas e apoiounos desde o comezo”, salientan ambos, ao tempo que agradecen tamén toda a axuda recibida do decano da facultade, Luis Alonso, así como de diferentes equipos, entre eles, o seu propio grupo de investigación LVTC (Language, Variation and Textual Categorisation) dirixido polo profesor Javier Pérez Guerra; así como do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; o grupo de Psicoloxía Xurídica, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; o grupo GALMA, da Facultade de Filoloxía e Tradución; ademais de investigadores/as de prestixio da Universidade de Vigo e doutras universidades do estado (Santiago de Compostela, UNED, Zaragoza e Pompeu Fabra) e dous neurólogos, un deles o xefe do Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra, o doutor Manuel Seijo Martínez.