CC da Educación e do Deporte acolle o primeiro maratón dedicado á versión galega do Wiktionary

Verbas e ordenadores para facer medrar o Galizionario

Trátase dunha actividade inserida nun mestrado europeo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/11/2018

Preto de 30 persoas, entre as que se atopan tanto editores do Galizionario, a versión galega do proxecto Wiktionary, como alumnado do mestrado europeo en lexicografía Emlex e estudantes e docentes de diferentes universidades, participan este venres na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no Emlex Wiktionary Hackfest, o primeiro maratón dirixido a incorporar novos contidos a este dicionario colaborativo centrado na súa edición en galego. Dous relatorios dirixidos a achegar aos e ás participantes unha serie de nocións prácticas sobre o funcionamento do Wiktionary abriron unha xornada que se estende ata as sete da tarde e na que os e as participantes irán progresivamente incorporando novos contidos a un recurso que se nutre das achegas dos usuarios e usuarias e que conta actualmente con máis de 53.000 entradas.

Coordinado polo profesor da facultade Carlos Valcárcel, este hackatón foi inaugurado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Uxío Pérez e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María José Domínguez, coordinadora da USC do mestrado Emlex, un posgrao Erasmus Mundus que coordina a Friedrich-Alexander University de Erlangen-Nümberg e no que participan diferentes universidades europeas, entre elas a USC e a Universidade de Minho, cuxos alumnos e alumnas participaron nesta xornada nun maratón que, non obstante, estaba aberto á participación de calquera persoa interesada. Non en van, a base tanto deste dicionario como dos diferentes recursos impulsados pola Wikimedia Foundation é que a incorporación e ampliación dos contidos depende dos usuarios e usuarias. “Abrir a xeración de produtos culturais á cidadanía a través da rede favorece o coñecemento e anima á produción de novos formatos”, salientou neste senso Jorge Soto, quen trasladou o apoio da Vicerreitoría a unha iniciativa que abriron as conferencias de Eneko López e Adrián Estévez, editores, respectivamente, nas versións en castelán e galego deste proxecto.

Nocións prácticas para comezar a editar

“Trátase dunhas conferencias moi prácticas”, sinalou Válcarcel de dous relatorios dirixidos a achegar aos e ás participantes unha serie de nocións que lles permitisen comezar a incorporar contidos ao Galizionario. No caso de López, a súa intervención centrouse nas “características xerais de funcionamento e edición e as súas particularidades con respecto a outros dicionarios en internet”, mentres que García, ex-alumno da facultade, abordou o caso concreto da edición en galego, “como está estruturada, as necesidades e probleams que ten, porque ao ser unha comunidade máis pequena o dicionario presenta máis carencias”, explica Vacárcel.

A partires de aí, e coa colaboración de diferentes editores, participantes tamén no encontro, os inscritos e inscritas iniciaron, na aula de informática da facultade, un maratón na que podían ir incorporando novos vocábulos ou sumando traducións a outros idiomas. De feito, o comité organizador do evento achegou aos e ás participantes unha serie de propostas para esta fase de edición, que incluían tanto unha lista de termos a engadir a entradas que completar, como propostas de carácter temáticos, como sumar vocabulario vinculado co outono, así como a posibilidade de incorporar traducións e enlaces coas versións en outros idiomas deste dicionario multilingüe, aproveitando que entre os participantes figuraban once estudantes do mestrado EmLex na USC e na Universidade do Minho, procedentes de países como Alemaña, Indonesia, Bosnia, Croacia, Ucraína, Armenia ou Costa de Marfil.