O simulacro tivo lugar en Silleda, coa colaboración de Bombeiros, Xunta, Axega e a Guardia Civil

O proxecto FireRS testa a súa tecnoloxía para a detección remota temperá dun incendio

Comprobouse o funcionamento dos sensores infravermellos de terra, que detectan os focos de calor

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
M. Del Río DUVI 16/11/2018

A pouco máis dun mes para o lanzamento do picosatélite LUME-1, o proxecto FireRS segue completando fases e realizando probas para testar as diferentes tecnoloxías. Este venres a localidade de Silleda foi o escenario dun simulacro de incendio que permitiu probar os sensores infravermellos de terra que permiten a detección remota temperá do lume. Cando o sistema estea completo, estas cámaras termográficas que detectan os focos de calor deberán enviar a información ao LUME-1, pero nesta ocasión os datos foron remitidos directamente ao camión do posto de mando móbil da Axencia Galega de Emerxencias. 

“O simulacro foi un éxito”, explica Pablo Izquierdo, investigador da Área de Enxeñaría Mecánica e membro do grupo CIMA, “colocamos os sensores nunha torre de vixilancia e detectaron perfectamente os focos de lume, transmitindo a información para poder proceder á súa extinción”. Cando o sistema estea completo, permitirá a detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación do uso de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite cubesat (LUME-1); unha flota de vehículos non tripulados (UAVs), un centro de control e un software de modelado e predición de incendios.

Picosatélites e drones para a loita conta os lumes

O FireRS (WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System) é un proxecto europeo coordinado dende Vigo pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA no que participan tamén a Universidade de Porto e o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulouse. O proxecto ten un orzamento de dous millóns de euros e o seu obxectivo é crear unha ferramenta que sexa quen de realizar unha detección temperá e achegar información en tempo real dos lumes forestais aos servizos de emerxencia. Para iso estase a implementar un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais. Deste xeito, o FireRS xera e comparte cos medios de control información sobre a extensión, focos e perímetro do incendio, parámetros meteorolóxicos, posición GPS, perigos próximos, mapas cartográficos de vexetación, mapas dixitais de elevación do terreo e imaxes en tempo real. O obxectivo do proxecto é que grazas a estes datos se poidan realizar en tempo real unha avaliación e predición do comportamento do lume, co fin de trasladar toda a información xerada ás centrais de coordinación e servizos de emerxencia competentes, para acadar maiores estándares de eficacia e eficiencia no uso dos recursos públicos encargados de xestionar a emerxencia.

Como explica Pablo Izquierdo, “xa puidemos avanzar na integración da comunicación satélite-sensorIR e tamén na integración de subsistemas no sensor para o posicionado do foco de incendio, alimentación autónoma, pequena estación meteorolóxica propia, definición do software, etc.” De feito, nos últimos días xa se realizaron no campus as primeiras probas con focos-lume simulado (luces e colimadores) de cara a estar preparados para a proba con columna de lume real de hoxe en Silleda.

Un lume preto de vivendas

Nesta xornada de probas estiveron implicados, ademais do persoal investigador da Universidade de Vigo, o Consorcio Bombeiros del Deza e Tabeirós, Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Lalín, a Guardia Civil de Silleda e o Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (GALI) da Axega. O conato de incendio comezou ás 12.00 nunha zona forestal próxima a vivendas e foi detectado axiña polo subsistema de sensores infravermellos en terra da plataforma  tecnolóxica FireRS, desencadeando así o funcionamento previsto da ferramenta. Toda a información xerada polo FireRS foi trasladada ao CIAE112-Galicia, que á súa vez informou aos diferentes servizos de emerxencias con competencias nesta zona. Unha vez os medios chegaron ao lugar, procedeuse a comunicar ao 112 que a información preliminar era correcta e a realizar o control, estabilización e extinción do lume. A coordinación “in situ” realizouse dende o vehículo de posto de mando avanzado (PMA) da Axega, ao que ían chegando as imaxes de vídeo en tempo real do lume, para que os distintos mandos dos servizos de emerxencias actuantes puideran tomar decisións en tempo real. 

Nos próximos meses probaranse os vehículos non tripulados, que está a desenvolver a Universidade de Porto e, cando o LUME-1 estea en órbita, realizarase outra proba das cámaras infravermellas que xa enviarán a información ao picosatélite.