Segundo explicou este xoves o profesor e experto no tema Xabier Pontevedra

Galicia ten “a maior concentración e diversidade de turbeiras da Península Ibérica”

A súa conferencia celebrouse na Facultade de Ciencias

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/11/2018

Para moita xente, explica Xabier Pontevedra, profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, as turbeiras son “un ecosistema exótico” pero non debería selo xa que “temos a sorte de que Galicia ten a maior concentración e diversidade de turbeiras de toda a Península Ibérica”. Para falar desta riqueza, este xoves achegouse a dar unha conferencia ao alumnado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense.

A actividade, que levou por título Inventario e estado de conservación de ecosistemas húmidos de montaña de Galicia, estivo organizada pola Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo baixo a coordinación do profesor Juan Carlos Nóvoa e contando co apio da Vicerreitoría do campus. O seu obxectivo, explicou Nóvoa na presentación, foi que o alumnado do centro puidese coñecer a turbeiras da man dun experto galego na materia como é o caso de Xabier Pontevedra.

“As turbeiras son un tipo de ecosistema húmido moi particular”, comentou o profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase, apuntou, dun ecosistema húmido coa diferenza respecto aos outros “de que ten unha grandísima capacidade de acumular materia orgánica en forma dun substrato que se chama turba”. Acumuladoras de carbono, indicou Xabier Pontevedra, as turbeiras axudan “en gran medida a mitigar o cambio climático” e “teñen unha capacidade de filtrar as augas que garante a súa calidade”. Como as turbeiras “medra ao longo de miles de anos”, indicou o experto antes da súa conferencia,  “manteñen memoria de todo o que lle pasou durante ese tempo, podéndose estudar a evolución do ecosistema e polo tanto das condicións ambientais, incluídas as climáticas, a partir do estudo das turbeiras. De aí a súa gran relevancia ambiental”.

Prioridade de conservación

Sendo Galicia o referente peninsular en turbeiras tanto en cantidade como en diversidade, Xabier Pontevedra salientou como estes ecosistemas “realmente están distribuídos por practicamente todo o territorio galego, aínda que con maior concentración ou desenvolvemento en determinados sitios”. As máis representativas, indicou, están nas serras do norte de Lugo, concretamente na Serra do Xistral. Para unha persoa non familiarizada con estas formacións, apunta, identificar a presencia dunha turbeira pode ser difícil pero un indicio pode ser cando “vas camiñando por unha zona húmida pero sen auga na superficie e se afunden os pés”. “As turbeiras non teñen auga en superficie, a auga está oculta na materia”, lembra.

Ao longo da súa intervención, Xabier Pontevedra explicou ao alumnado asistente as características científicas destes ecosistemas pero fixo tamén fincapé na súa relevancia ambiental e na importancia de protexelas. As turbeiras, apuntou o relator, son un “dos ecosistemas de maior prioridade de conservación para a UE”. Así, lembrou, están “en bastante en perigo porque son espazos acaídos para outras actividades”. Dadas as amezas que se cernen sobre elas por estas características, o experto indicou como “a UE traballa na súa conservación”.