No New Space España que hoxe se celebra con preto de 200 participantes

España reivindica desde Vigo o seu protagonismo no ecosistema do ‘new space’ 

A Universidade de Vigo sumará en 2019 sete satélites postos en órbita

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • TIC
  • Investigación
Mª Carmen Echevarría DUVI 29/11/2018

Cunha mensaxe gravada do ministro de Ciencia, Innovación y Universidades, Pedro Duque, comezou pasadas as 9.30 horas New Space España, o evento que durante toda a xornada deste xoves reúne en Vigo a preto de 200 persoas relacionadas co sector do new space, tanto empresas, como grandes axencias e corporacións aeroespaciais. Tras lamentar a súa ausencia no evento por compromisos políticos en Bruxelas, Duque incidiu na súa mensaxe ás e aos asistentes nas grandes oportunidades de negocio que ofrece o sector aeroespacial e demandou un maior desenvolvemento desta industria nun país no que “estamos a facelo ben. Nos últimos 20 anos en España as empresas incrementaron a súa capacidade tecnolóxics e duplicaron na última década a súa facturación global, que acadou en 2017 os 850 millóns de euros, empregando a máis de 3500 persoas altamente cualificadas”, asegurou o ministro. 

Ata esta tarde sucederanse as exposicións de representantes dos principais axentes do sector relacionado coa democratización do espazo (PLD, Aistech, DHV Technology, Satlantis, Alén Space...), das grandes empresas do sector aeroespacial español (Airbus, Everis, Deimos, GMV...) e de entidades e institucións cun protagonismo relevante no sector (INTA, Plataforma Tecnológica Aeroespacial Española, GAIN...), así como mesas redondas nas que se abordarán os retos e novas oportunidades dos novos satélites; o new space e a industria aeroespacial española e o financiamento e apoio ao desenvolvemento do sector. Precisamente ao respaldo que os países deberían outorgar ao ámbito do new space como un sector estratéxico, referiuse na súa intervención Aarón Nercellas, cofundador de Alén Space. “O new space é o novo paradigma que permite o acceso ao espazo e permite ás empresas algo prohibido polos elevados custos e que agora é posible polo avance da tecnoloxía e a electrónica, que permite ás empresas lanzar satélites, facer cargas útiles, explotar aplicacións ou desenvolver lanzadores e foguetes desde España”, asegurou Nercellas, que reivindicou o talento que España ten neste ámbito, afirmando que “o new space está aquí para quedarse e desde Vigo temos moito que dicir”.

Na apertura do evento, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, referiuse ao aeroespacial como un dos dous escenarios inabordables, xunto ao do estudo das profundidades mariñas, “nos que a institución académica viguesa conta con investigadores de gran renome, que fan un gran traballo”. Valderrama comprometeu o apoio a institucións ao traballo que se realiza no ámbito aeroespacial, ao tempo que demandou unha maior presencia de mulleres no ámbito tecnolóxico.

Todo comezou hai 11 anos na Universidade con Xatcobeo ….

O responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, abriu a quenda de intervencións na xornada cunha exposición na que rememorou a traxectoria da institución académica no ámbito aeroespacial, iniciada hai xa 11 anos. “En 2019 teremos sete satélites postos en órbita”, confirmou Aguado, que enumerou todos os proxectos desenvolvidos pola Agrupación Aeroespacial da Universidade en solitario e tamén en colaboración con Cinae e Alén Space. Todo comezou con Xatcobeo, o primeiro cubesat español, ao que seguiron Humsat-D e Serpens e a colaboración no proxecto DustCube para o estudo do resultado do impacto sobre un asteroide co obxectivo de desviar a súa traxectoria dentro do programa AIM, Asteroid Impact Mission da NASA e a ESA .O vindeiro 25 de decembro terá lugar o lanzamento desde Rusia de LUME-1 e xa en 2019 poranse o órbita dous satélites máis para o proxecto de constelación de satélites da empresa Aistech centrados nas comunicacións experimentais, “unha traxectoria bastante importante para nosa curta historia”, asegurou Aguado en relación co impacto da Universidade de Vigo no sector do new space

O docente e investigador da Universidade de Vigo debullou o papel que tanto a institución académica, como a spin-off Alén Space e o Cinae desenvolven dentro dunha “cadea de valor” que integra ás institucións académicas, OPI,s e entidades e que é quen de promover iniciativas nacionais a nivel mundial. “A cadea de valor ten que ir desde os demostradores tecnolóxicos máis pequenos ás plataformas máis grandes, de xeito complementario e coordinado”, asegurou Aguado, que considera o new space un complemento ao sector aeroespacial tradicional “e un elemento fundamental para concluír a cadea de valor que temos en España”, asegurou. 

Exposicións e mesas redondas para analizar o sector en profundidade

Coas intervencións de Santiago Rodríguez en representación do INTA; de Raul Verdú de PLD Sapce; de Eider Ocerín de Satlantis; Vicente Díaz de DHV Technology e Guillermo Lamelas de Alén Space e unha mesa redonda sobre as oportunidades dos pequenos satélites rematou a sesión matinal de New Space España.

A partir das 15.00 horas retomouse a actividade con novas exposicións a cargo de Alejandro Cardesín da ESA que falará sobre as posibilidades de pequenos satélites para ciencias planetarias e de José Manuel Báez de GAIN sobre as iniciativas enfocadas ao fortalecemento do sector aeroespacial en Galicia e dúas mesas redondas nas que se abordará o new space e a industria aeroespacial española e o financiamento e apoio ao desenvolvemento do new space.