Máis de 100 persoas participan nunha xornada deportiva e solidaria

Santa Bárbara celébrase correndo

Os actos oficiais celebraranse a vindeira semana

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Divulgación
  • Deportes
DUVI 30/11/2018

A choiva deu un momento de tregua para a celebración da IX edición da Carreira Popular Santa Bárbara. A Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organizou a competición na que correron 93 persoas, achegando todas elas un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados a comedores sociais de Vigo. A proba, que conta cunha lonxitude de cinco quilómetros, comezou ás 12.30 h nas instalacións deportivas do campus. Antes de comezar a carreira, o alumnado da escola participou nunha procesión con gaiteiro e tamborileiro incluído na que pasearon  a Santa Barbie, unha maqueta adaptada para a ocasión polo propio estudantado que cativou a ollada de participantes e público asistente.

Ao remate da xornada, dende a delegación fíxose entrega de trofeos aos tres primeiros homes e mulleres clasificados nas diferentes categorías. Ademais, hoxe, venres, celebráronse os torneos de fútbol sala, tenis de mesa e baloncesto que organizou a delegación da escola co gallo da celebración da súa patroa. As diferentes probas reuniron tanto ao profesorado como ao alumnado nunha xornada marcada pola deportividade e a solidariedade.

Santa Bárbara continúa a próxima semana

O programa de celebracións de Santa Bárbara continuará a vindeira semana cos actos oficiais. O mércores, 5 de decembro, a escola acollerá unha xornada que comezará co relatorio de Rocío Prieto, subdirectora de Gas Natural na Dirección de Energía de la Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia  así como líder do grupo europeo do GNL do CEER. Prieto falará a partir das 12.00 h sobre La energía del futuro: tecnología, sostenibilidad y competitividad. Ás 12.50 h, Juan José Iglesias, decano delegado do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del NO en Galicia imparte o relatorio titulado Salidas profesionales en el ámbito de la Ingeniería de Minas. Para concluír, ás 13.20 h o Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España fará entrega do premio ao mellor expediente do mestrado universitario en Enxeñaría de Minas do curso académico 2017-2019.