O traballo presentouse este venres no 11 Congreso de Traballos Colaborativos

Alumnado do campus propón a creación en Vigo dunha rede pública de bicicletas eléctricas

Reuníronse nesta cita máis de 100 alumnos e alumnas da EE Industrial e de CC Xurídicas e do Traballo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Académica
D. Besadío DUVI 30/11/2018

“Hoxe en día a maioría das cidades españolas contan cun sistema de bicicletas públicas e Vigo non podía ser menos”. Así iniciaron este venres un equipo de oito alumnos e alumnas da Escola de Enxeñería Industrial e da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a presentación dun traballo no que formulan a posta en marcha dunha rede de bicicletas eléctricas de uso público na cidade de Vigo. Fixérono na undécima edición do Congreso de Traballos Colaborativos, unha iniciativa impulsada polos profesores José Luis González Cespón e José Antonio Alonso que leva xa varios anos unindo alumnas e alumnos de distintas escolas e facultades do campus para levar a cabo proxectos conxuntos.

“As bicicletas axudan a reducir tanto a contaminación como o tráfico mellorando a calidade de vida dos cidadáns e, como no caso de Vigo falamos dunha cidade famosa polas súas costas, optamos por que fosen bicicletas eléctricas”, explicou Miguel Moldes, alumno do Grao de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais. O proxecto presentado inclúe o deseño da rede coas súas diferentes estacións de carga que actúan como paradas, a loxística (horarios de uso, taxas, servizos asociados...) e o deseño dunha aplicación móbil que permita a compra de bonos, información en tempo real das paradas e contacto directo co servizo técnico. “As paradas estarían distribuídas por toda a cidade de forma que a distancia camiñando desde calquera punto ata a parada máis próxima sexa reducida”, explicaron os alumnos durante a presentación, ao que engadiron que nelas poderíase tramitar o aluguer, así como resolver calquera tipo de dúbida  que poida xurdir contactando co servizo técnico. “A idea sería establecer formas de pago anuais, mensuais, semanais ou diarias”, recalcaron, ao que engadiron  que o proxecto inclúe tamén un circuíto pechado para o campus.

17 proxectos e múltiples temáticas

Inaugurado polo vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Manuel Ramos; o director da Escola de Enxeñaría Industrial, Juan Pardo e os dous coordinadores do congreso, a cita tivo lugar nesta ocasión na sede cidade da Escola Enxeñería Industrial e nela participaron máis de 100 alumnas e alumnos. 

En total presentáronse 17 proxectos de moi distintos contidos. Abordáronse, entre outras temáticas,  a idea de deseñar un invernadoiro doméstico intelixente, un ximnasio público e gratuíto con produción de enerxía limpa, un hotel-gardería para mascotas, un espazo recreativo público destinado a actividades deportivas no centro urbano, un de espazos deportivos e de ocio saudable para adolescentes, ou outro de aproveitamento en pellets da biomasa procedente da limpeza dos montes.

As aplicacións para móbiles centraron tamén algún dos proxectos. Desde un equipo propúxose crear unha app para a localización e eliminación por drones da avespa velutina e, desde outro,  unha con información e concienciación sobre esta especie.  Noutro caso lanzaron unha sobre localización de rutas para persoas con mobilidade reducida; outra sobre localización e valoración de pisos de estudantes...

Preparando ao alumnado para a aterraxe no mundo laboral

Os traballos que se presentan en cada unha das edicións deste congreso están orientados a ensinar a que os alumnos e alumnas traballen en equipo con xente de perfil profesional diferente ao seu, que é o que lles vai pasar cando abandonen as aulas universitarias. “Deste modo, teñen que enfrontarse ás principais dificultades deste modo de organización e formular xuntos solucións axeitadas, tendo en conta sempre que sexan viables, tanto desde o punto de vista técnico, como no ámbito social”, explicou José Luis Glez Cespón, que fixo tamén fincapé en que o balance é “extraordinario, normalmente o alumnado chega con moita inquietude pero, a medida que arrancan as presentacións os nervios desaparecen e, ao final, acostuman quedar moi satisfeitos cos resultados acadados”.