A Biblioteca Rosalía de Castro acolle unha exposición do Club Alpino Ourensán

O que acontece cando conflúe a paixón pola montaña e pola fotografía

A mostra estará na entrada do edificio ata finais de decembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 19/12/2018

Desde finais de novembro e ata finais de decembro, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle na súa entrada unha exposición fotográfica na que se recollen algúns dos traballos presentados ao XVIII Concurso de Fotografía do Club Alpino Ourensán. A través desta exposición, o club, indican os promotores da iniciativa, “asume o compromiso de promover e compartir os deportes de montaña, buscando o respecto e a conservación do medio natural, dos seres vivos no seu hábitat natural e dos valores que envolven os deportes de montaña, converténdose nun punto de encontro de apaixonados da montaña e a fotografía”.

A mostra recolle obras feitas por montañeiros e montañeiras apaixonados da fotografía “que amosan coas súas imaxes a contorna natural na que se desenvolven, para amosar, a través da exposición, non só os lugares ou as actividades que fan, senón o compañeirismo, a superación, a oportunidade… que os deportes de montaña ofrecen”, tal e como indican desde o Club Alpino Ourensán.  

A iniciativa forma parte da colaboración existente entre a Vicerreitoría do Campus de Ourense e o Club Alpino Ourensán, colaboración que se materializa cada ano na celebración nas instalacións universitarias da Semana Audiovisual da Montaña de Ourense, que conta tamén co patrocinio da Fundación Florencio Álvarez. Precisamente a posta en marcha desta exposición fotográfica tivo lugar co gallo da celebración da última edición desta semana audiovisual a finais de novembro.