CCSS e da Comunicación homenaxea a tres exemplos do valor da docencia

A facultade celebrou un acto de recoñecemento aos tres profesores xubilados no último trienio

Trátase de Fernando Ramos, Xulio Pardellas e Félix Blanco

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/12/2018

Tres docentes, Félix Blanco, Xulio Pardellas e Fernando Ramos, que no último trienio deixaron a práctica profesional pero que, como salientou o decano, Xosé Baamonde, “seguen formando parte da comunidade de Ciencias Sociais e da Comunicación” recibiron este mércores o recoñecemento dos que foron os seus compañeiros e compañeiras de facultade nun acto de homenaxe que serviu tamén para pór en valor o importante papel da docencia. “Aínda que non transformamos a sociedade, os docentes contribuímos a transformar a esas persoas que serán quen de facelo”, salientou Baamonde nun acto no que os homenaxeados foron presentados por tres dos que foron os seus compañeiros e compañeiras nestes anos.

Así, o profesor Félix Blanco, doutor en Comunicación e xubilado en 2015, recibiu as verbas de recoñecemento do director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Xosé Rúas, quen definiu a Blanco, quen se incorporou á facultade en 1998 como profesor asociado e que desenvolveu tamén unha traxectoria profesional como xefe de prensa, asesor de comunicación ou documentalista, como unha persoa “que fixo bo o oficio de relacións públicas, grazas ao seu saber escoitar”.

De pór en valor a traxectoria do profesor do Departamento de Economía Aplicada ata o pasado ano Xulio Pardellas encargouse Pedro Figueroa, quen defendeu como un “home bo e xeneroso” a este docente e investigador, doutor en Económicas, que foi tamén parlamentario autonómico polo PSdeG entre 1985 e 1989 e que foi así mesmo decano de Ciencias Sociais e da Comunicación. Respecto desta facultade, Pardellas lembrou a súa intervención como formou parte do equipo encargado de poñela en marcha hai preto de 25 anos, para incidir en que “o que non sabía entón é que se construía non só unha casa onde se ensina e se investiga, senón tamén unha casa chea de amigos”

O acto pechouse coa distinción ao profesor e xornalista Fernando Ramos, cuxa traxectoria foi posta de relevo polo profesor Daniel Martí, quen salientou como un “acto de merecida xustiza” este recoñecemento a este doutor en Dereito e en Ciencias da Información do que salientou a súa implicación á hora de levar a cabo iniciativas como o Curso Complementario de Comunicación e Protocolo, que se vén celebrando anualmente nesta facultade desde hai preto de dúas décadas. “Tocades o corazón de tres compañeiros”, respondeu Ramos, quen insistiu en que “non estou xubilado, senón dado de baixa administrativamente”.