Seis alumnas e ex-alumnas de Belas Artes protagonizan a exposición ‘#0’, inaugurada este xoves

Os resultados dunha residencia artística no rural galego trasládanse á Sala X

Dúas alumnas da facultade veñen de obter dous segundos premios no certame Xuventude Crea

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/12/2018

En agosto de 2017, seis artistas que por aquel entón viñan de completar o máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación desenvolveron nunha casa en Bembibre, no concello coruñés de Val do Dubra, unha residencia artística na que durante unha semana conviviron e crearon unha serie de obras que tiñan como inspiración común a chuvia de estrelas das Perseidas ou bágoas de San Lourenzo. Tras presentar semanas despois os resultados daquela iniciativa nun encontro na propia casa, as obras xeradas naquel e para aquel espazo trasládanse agora á Sala X, que desde este xoves acolle a exposición #0, unha mostra que reúne as creacións que María Xosé Domínguez,  Ana Pérez Valdés, Blanca Nieves Lourés, Irene Romero, Alejandra Lago e Patricia Coucheiro desenvolveron no marco dunha convivencia á que deron o nome de Encuentros #0.

Ata o 16 de xaneiro poderá visitarse neste espazo expositivo unha mostra colectiva na que as pezas se ven complementadas por  unha serie de documentación, fotografías e materiais empregados nesta iniciativa, así como coa proxección en vídeo do diario no que foron rexistrando as diferentes xornadas desta residencia. “Consideramos importante que na Sala X haxa tamén espazo para traballos realizado por estudantes que se autoorganizan, que promoven unha residencia artística autoxestionada e que desenvolven un traballo colectivo, que non é o máis habitual”, salientou a decana de Belas Artes, Silvia García, que participou xunto ao director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, na inauguración dunha exposición que implicou á adaptación dunha serie de pezas orixinalmente concibidas para exporse na propia casa na que foron creadas, como aconteceu na xornada Encuentros #0 celebrada en setembro de 2017, na que o público asistente e a veciñanza da zona puido percorrer esta casa, propiedade de Domínguez, e ir coñecendo as obras que se expuñan nas diferentes estancias a través dun diálogo directo coas súas creadoras.

De convivir nunha casa a habitar un espazo expositivo

Concibida como unha residencia nunha contorna rural, “distanciada do circuíto da arte contemporánea”, na que as seis artistas buscaban afondar na posibilidade de “xerar un discurso e producir obras sen depender de ningunha institución”, como apunta Lago, á propia experiencia, á que proxectan dar continuidade o vindeiro ano cunha nova residencia, os Encuentros  #1, vinculada desta volta ao eido dixital, deu tamén pé ao debate sobre como “habitarían outro espazo” unha serie de obras orixinariamente concibidas para establecer un diálogo na casa coa que foron creadas. “Xurdiron vantaxes e problemáticas e houbo que facer pequenas adaptacións”, apunta Lourés, que presenta na Sala X, xunto cunha serie de debuxos realizados no marco desta estadía, un libro de artista dixital inspirado en A nosa señora de París de Víctor Hugo, “no que se fala de dous esqueletos que relacionei dalgunha forma sensitiva”, e que nesta mostra se traslada  dunha habitación articulada a modo de sala de lectura “a unha peaña”.

A alumna de doutoramento Alejandra Lago, pola súa banda, incorpora materiais recollidos no seu día en Bembibre, como “musgo seco, bordado e estampado sobre a propia tea”, as súas pezas Hilaturas: Perseás I e II, dúas obras que, partindo de elementos téxtiles, achéganse “á historia no nacemento de Perseo”, á vertente máis mitolóxica desa temática común que, como engade Lourés, “cada unha levou á súa propia sensibilidade”. Así, Domínguez vincula en Ti es a miña estrela a idea “das estrelas que se consumen”, nunha obra na que lembraba, como apunta Lourés, a súa nai, recentemente falecida.

Nunha peza en vídeo, Nigredo, que orixinariamente se proxectaba no interior da cociña de leña da casa e que se exhibe na Sala X sobre un “papel de prata que fora un dos elementos cos que estiveramos traballando alí”, Ana Pérez Valdés achégase á idea da chuvia de estrelas e da propia estancia no rural “desde unha perspectiva máis ligada á nostalxia e a melancolía”, mentres que Irene Romero afondou neste proxecto “na idea da estrela como algo brillante que á vez se descompón” nunha obra realizada a partires de materiais atopados na contorna, e que se traslada á Sala X a través dunhas fotografías “que formaban parte do proceso pero que non chegaron a verse en Bembibre”, apunta Lourés. Por último, a exposición complétese coa proxección do vídeo que Valdés realizou da performance 34280, que Coucheiro levou a cabo nunha bañeira desta casa e que partía da pregunta “de que vemos cando miramos ao ceo”. 

Premios Xuventude Crea

O alumnado de Belas Artes tamén foi por outra banda protagonista nos últimos días nos premios Xuventude Crea, que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia entregou a pasada semana e no que as alumnas de doutoramento Manuela Elizabeth e Rebeca López acadaron sendos segundos premios nas categorías de banda deseñada e artes plásticas, respectivamente.

Seleccionada pola súa obra Cabelos de xeo, un cómic no que combina lapis, pastel e acrílico sobre papel, Manuela Elizabeth Rodríguez González (MeliMolita) sumou neste 2018 un novo recoñecemento nun certame no que, en 2013, xa obtivera o primeiro premio na modalidade audiovisual. “Fíxome moitísima ilusión porque supón un recoñecemento a esta obra en concreto, pero tamén dalgunha forma a todo o traballo ou percorrido en xeral”, salienta esta alumna deste recoñecemento a unha obra na que narra como “diante dos ollos da protagonista, unha folerpa de neve convértese nun pequeno oso polar”, que será acompañado pola nena “durante todo o ciclo da súa vida”. Recoñecemento que, por outra banda, suma á súa recente selección como finalista do II Premio Internacional de Ilustración promovido polo Concello de Pontevedra, do que saíron as imaxes que ilustran o calendario do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, entre as que tamén figuran as creacións da alumna do doutoramento Susana Suniaga e e ex-alumna do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual Sarai Lorenzo. 

Quen si obtivo un recoñecemento por primeira vez no Xuventude Crea foi Rebeca López, que desenvolve a súa traxectoria artística baixo o pseudónimo de Rebeca Lar e que tras resultar finalista o pasado ano nas modalidades de fotografía e artes plásticas, obtivo desta volta o segundo premio nesta última modalidade, na que o primeiro foi para o ex-alumno da facultade Adrián Penido e na que tamén foi seleccionado cun terceiro premio o alumno de doutoramento David Fidalgo. “Penso que, mái aló do económico, é un recoñecemento enorme para todo o traballo que levamos detrás”, salienta esta artista da distinción outorgada a Na eternidade, as nosas amigas ardentes, unha obra construída con fío e telas que formulou como “unha homenaxe poético-pictórica para miña nai”, articulada a través dunha composición na que rexistra “parte dun poema propio no que establezo paralelismos entre a imaxe de miña nai e a idea da bruxa como muller forte e empoderada”,