Segundo un estudo realizado por José María Faílde e Laura Ruiz

O 32% das entidades de atención aos maiores en Galicia afirma ter educadora ou educador social

A investigación foi financiada cunha bolsa da Fundación Dorzán

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 21/12/2018

“Aínda que as e os educadores sociais teñen aínda pouca presenza no ámbito da intervención con persoas maiores, consideramos que esta disciplina está chamada a desempeñar un rol importante nesta área de intervención, que se configura como unha das saídas profesionais máis importantes para estes profesionais”. Esta é unha das conclusión do estudo Presencia e potencialidades da educación social no ámbito da intervención con persoas maiores, realizado polos membros do Grupo PT1 Psicoloxía da Saúde José María Faílde, profesor titular da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, e Laura Ruiz, investigadora predoutoral. Nel recóllense datos como que o 32% das entidades de atención aos maiores en Galicia afirma ter educadora ou educador social.

O traballo foi realizado grazas á bolsa de investigación sobre a terceira idade que anualmente convoca a Fundación Dorzán no marco dun convenio de colaboración coa Universidade de Vigo. Esta semana a e o seu autor entregaron o estudo xa rematado á Fundación Dorzán despois de varios meses de investigación. Sobre o interese e a relevancia de acometer este estudo, José María Faílde e Laura Ruiz salientan como o traballo no cada vez máis importante eido da terceira idade “é un tema relevante para unha profesión emerxente como é a de educadora e educador social”. Ademais, recalcan, a educación social “é unha profesión que necesita visibilización e ter presenza e un dos modos de traballar para conseguilo é a través da investigación e a transferencia”. Dous factores, apuntan, que xustifican a pertinencia do estudo acometido.

Presente e futuro

O obxectivo do estudo foi profundar na situación actual e nas potencialidades da educación social no ámbito das persoas maiores. A e o autor do traballo crearon un directorio actualizado e detallado de recursos de atención a persoas maiores en Galicia no que se determina cantas institucións contan con profesionais da educación social. A partir do directorio de recursos de atención a persoas maiores de Galicia, o estudo recolle como dun total de 578 institucións contactadas, responderon 501 (86,68%) e delas 160 (31,94%) afirman contar con educadora ou educador social entre os seus traballadores, 341 (68,06%) non contan con esta figura profesional e 77 (15,37%) non contestan.

No seu traballo, José María Faílde e Laura Ruiz tamén delimitan os sectores concretos nos que interveñen actualmente as e os educadores sociais no ámbito das persoas maiores, constatando como un 49,37% das e dos educadores sociais que están a traballar con este colectivo faino en centros residenciais, un 41,87% en centros de día, un 3,12% en vivendas comunitarias ou apartamentos tutelados e un 5,62% noutros servizos comunitarios. O estudo tamén identifica e cataloga detalladamente as funcións que desempeñan as e os educadores sociais nos diferentes ámbitos de intervención con persoas maiores. Para iso, a e o autor dividiron o campo da intervención da educación social con persoas maiores en varias categorías, como son  programas comunitarios de atención a persoas maiores e dispositivos asistenciais (residencias, centros de día, vivendas comunitarias e pisos tutelados), abordando en ambos casos tanto a atención á persoa maior como a atención ao coidador ou coidadora, voluntariado e poboación xeral. No informe tamén se identifican aqueles factores que facilitan e dificultan a participación das e dos educadores sociais no ámbito da intervención con persoas maiores

Presenza nas universidades e produción científica

Outro dos obxectivos desta abordaxe foi identificar e cuantificar a presenza de materias relacionadas coa xerontoloxía e xeriatría no currículo formativo das e dos educadores sociais na totalidade de universidades públicas e privadas do estado español. “Os resultados obtidos demostran que, das 50 universidades públicas existentes impártese o título de Grao en Educación Social en 30. Cando analizamos os seus plans de estudo, observamos que en 25 (83.33%) impártese entre unha e tres materias relacionadas coa xeriatría ou a xerontoloxía”, recóllese no estudo. Por outra banda, das 34 universidades privadas existentes impártese, segundo este traballo, o título de Grao en Educación Social en 6 e en 5 desas 6 (83.3%) impártese algunha materia explicitamente relacionada con xeriatría ou xerontoloxía.

O estudo tamén recolle a avaliación do volume e impacto da produción científica realizada por educadoras e educadores sociais no ámbito da xerontoloxía e a xeriatría. “Tras a análise das referencias extraídas apreciouse que os documentos atopados fan alusión ao campo xeral da xerontoloxía e a xeriatría, sendo relativamente escasas as que relacionan educación social e xeriatría, xerontoloxía e/ou persoas maiores e practicamente ausentes as que se refiren de forma específica ao labor profesional das e dos educadores sociais neste ámbito, figurando ademais en publicacións de baixo factor de impacto”, explican.