Aberta inscrición en dez talleres promovidos pola Vicerreitoría, que suman máis de 200 prazas

Dez obradoiros para ampliar a formación de alumnado e cidadanía no segundo cuadrimestre

Oito novas propostas forman parte dos talleres que se celebrarán entre febreiro e xuño

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Calidade
  • Cultura
  • Deportes
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/12/2018

As relacións entre videoxogos e literatura, lingua de signos, escalada, preparación de exposicións en público, creación de páxinas web, programación de microcontroladores, impresión en 3D, o uso do coaching na docencia, as técnicas reprográficas e os procesos creativos baseados no corpo e no movemento. Estas son as dez temáticas nas que tanto a comunidade universitaria como o conxunto da cidadanía poderá afondar no segundo cuadrimestre da man dos obradoiros de Extensión Universitaria promovidos pola Vicerreitoría do campus. Desde este venres permanece aberto o prazo de inscrición nestes dez cursos, que ofrecen no seu conxunto máis de 200 prazas e que se desenvolverán nos diferentes centros do campus entre os meses de febreiro e xuño.

“Para nós é importante que haxa unha formación complementaria que poida abordar temas que ao mellor non forman parte do día a día das titulación”, sinala o vicerreitor Jorge Soto dun programa de obradoiros que busca complementar a formación do alumnado do campus, pero tamén ofrecer un achegamento a “temáticas moi actuais” á cidadanía. Cun abano de prezos que vai dos 15 aos 73 euros e un desconto do 35% para os e as integrantes da comunidade universitaria, a preinscrición nestes dez obradoiros pode realizarse xa na plataforma Culturxest.  

Oito novas propostas

Entre os dez obradoiros que se desenvolverán no segundo cuadrimestre, oito prográmanse no campus por primeira vez, como é o caso de Creación de páxinas web e posicionamento con WordPress, un taller dirixido a iniciarse no manexo desta plataforma e nos conceptos básicos do deseño e creación de contidos optimizados para buscadore. Impartido polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabiér Rolán e os desenvolvedores web Juan Hernando e Wajari Velásquez, desenvolverase na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría a partires do 6 de febreiro, data na que tamén está previsto inicio, na EE Forestal, do curso Desenvolvemento de proxectos de IOT e fundamentos de programación, dirixido polo alumno Esteban Oubiña e centrado en afondar en diferentes aspectos relacionados coa programación de microcontroladores, a robótica e a utilización de sensores.  

Entre o 11 e o 15 de febreiro, Belas Artes acollerá outra das novidades desta programación, o taller de iniciación teórico-práctico nos procesos reprográficos Erro é ben, que dirixe o alumno de doutoramento da facultade Marcos Covelo e que iniciará aos e ás asistentes na impresión risográfica. Tamén o 11 de febreiro dará inicio, en CCSS e da Comunicación, Videoxogos e literatura. Dous medios un mundo, un curso dirixido pola profesora Beatriz Legerén e que ten como propósito ofrecer un achegamento ao estudo interdisciplinar da narrativa, promovendo un estudo comparado de videoxogos e literatura. 

Outra das novidades desta convocatoria de obradoiros é o curso O coaching na aula: mellora das túas habilidades docentes, que dirixe o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Rubén Domínguez e que se desenvolverá nesta facultade entre o 4 e o 25 de marzo co propósito de achegar ao alumnado os coñecementos fundamentais sobre a aplicación na aula desta ferramenta. Tamén en marzo, dará inicio nesta facultade o obradoiro Comunicación e linguaxe: Prepárate para a exposición en público, un curso impartido pola profesora Martina Area xunto á logopeda Coral Guillén é a psicóloga Amalia Morato que afondará en aspectos como as técnicas para captar a atención do espectador, o traballo da autoestima ou o control dos medos e a ansiedade ante unha presentación pública.

Xa a partires do 27 de marzo, desenvolverase en Belas Artes o taller Corpo, espazo e movemento na práctica artística, dirixido a afondar nos modos de xerar procedementos artísticos explorando as diferentes relacións entre o corpo, o movemento e o sinal gráfico que xeran un tempo e un espazo determinado, que impartirán a artista e alumna de doutoramento Yolanda Ríos e a graduada en Belas Artes e fisioterapeuta Laura Álvarez. Ao mes seguinte, sumarase a esta oferta formativa Comunícate coas mans II, obradoiro que dá continuidade ao curso de iniciación na lingua de signos dirixido pola profesora Ana Fernández Soneira que se desenvolveu neste cuadrimestre, e no que esta investigadora, xunto á intérprete Alba Puentes e o profesor de lingua de signos Manuel Lema buscarán profundar no coñecemento da lingua de signos española.

Dúas propostas xa consolidadas

Xunto a estas oito novidades, este programa de obradoiros complétase coas novas edicións de dous talleres xa presentes na oferta de Extensión Universitaria do campus nos últimos anos. Por unha banda, entre o 5 de febreiro e o 9 de abril, a Casa das Campás acollerá un novo curso de iniciación á impresión 3D que coordina o técnico informático José Manuel Rodríguez e no que se abordará tanto a montaxe dunha impresora como o deseño de modelos tridimensionais e os diferentes materiais que se poden empregar. Xa entre o 5 de abril e o 10 de maio, Ciencias da Educación e do Deporte acollerá de novo Iniciación á escalada en rocódromo, un curso dirixido polos profesores Águeda Gutiérrez e Diego Alonso e impartido polo guía nacional de escalada e responsable de tecnificación da Federación Galega de Montañismo José Juan Domínguez, coa participación tamén do director da Escola Galega de Alta Montaña, David Pérez.