Empregando un potente software para a investigación e o traballo en matemáticas

Un manual para axudar nas clases co portátil do profesor coma servidor

Elaborado por profesorado da Escola de Enxeñaría Industrial

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
DUVI 11/02/2019

Un grupo de docentes do Departamento de Matemática Aplicada I e do Departamento de Telemática da Escola de Enxeñaría Telecomunicación acaba de presentar un manual para a preparación das aulas informáticas de cara ao desenvolvemento das clases. Este libro serve de guía para que o alumnado poida utilizar a ferramenta SAGE (Software for Algebra and Geometry Experimentation) na clase sen necesidade de instalar nada. O único requisito é atoparse conectados á mesma rede que o profesor, quen limita o uso ao tempo que dura cada clase, durante o cal os usuarios deben realizar as tarefas pautadas polo docente. 

Francisco de Arriba, Eusebio Corbacho, Mª Carmen Somoza e Ricardo Vidal son os autores de Implementación e desenvolvemento de aulas de matemáticas avanzadas en SAGE, un manual que explica como empregar este software gratuíto co portátil do profesor como servidor para o traballo e investigación en matemáticas nas aulas. O obxectivo deste libro é servir como guía para todos aqueles que se queiran iniciar no mundo do SAGE, sexan estudantes, docentes ou mesmo apaixoados do desenvolvemento matemático sen que teñan que recorrer a software de pago. Por outra banda, de cara a facilitar a interacción dos usuarios co SAGE, o obxectivo é “axudar ao lector a resolver problemas tanto técnicos coma científicos de certa envergadura”, tal e como remarcan os docentes. A intención dos autores é seguir publicando máis información en próximos volumes, xa que tal e como salientan, “a migración a SAGE do noso equipo de investigación realizouse fai máis de cinco anos e este libro recopila só parte dos logros obtidos”. 

Unha ferramenta para o traballo en matemáticas

Coa idea en mente de cambiar a maneira de traballar na investigación en matemáticas, “nos últimos anos este grupo de investigación optou polo uso de SAGE en substitución de ferramentas de pago coma Matlab” contan os autores, xa que SAGE é un software matemático de acceso gratuíto, co que se poden desenvolver dende simples ecuacións ata complexos problemas de cara á investigación no ámbito das matemáticas baseados na linguaxe de programación Python. Trátase dunha linguaxe de programación “cunha curva de aprendizaxe moi baixa que permite que os estudantes poidan comezar a realizar programas complexos  nun corto período de tempo”, salientan os docentes. O volume está especialmente dirixido ao estudantado das materias de matemáticas aplicadas dos graos en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática e do máster en Enxeñería Industrial pola Universidade de Vigo, onde xa se está empezando a usar, ademais de en algunhas materias do grao en Enxeñaría Forestal.