A andaina celebrarase o sábado 12 de xaneiro

O Baixo Miño, destino da primeira ruta cultural de 2019

A inscrición está aberta aos membros da comunidade universitaria e á cidadanía

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 07/01/2019

2019 xa está en marcha e en marcha póñese tamén esta semana a programación de rutas culturais deste ano, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. O sábado 12 de xaneiro terá lugar a quinta andaina universitaria deste curso académico baixo o título Fortalezas e observación de aves e tendo como escenario O Baixo Miño, en Pontevedra.

Cunha dificultade media-baixa e 17 quilómetros de percorrido, a andaina inclúe paradas interpretativas para coñecer as singulares construcións fronteirizas da zona, como o forte de Lovelhe e a fortaleza de Goián, así como unha actividade de observación de aves na contorna do esteiro do río Miño, un dos humidais máis importantes da península coa confluencia de dous ecosistemas, o fluvial e o marítimo.

“É un itinerario moi bonito, moi variado, xa que ten un parte de monte, en Santa Tegra, na Guarda, e logo discorre ao carón do mar”, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde o campus de Ourense. Do desenvolvemento desta quinta andaina, García-Calvo destaca especialmente o interese que ten para as persoas inscritas a observación de aves nunha zona idónea para esta actividade. Ademais, engade, “despois de tanto turrón e tanta festa”, é momento de recuperar o estado de forma habitual con actividades como este roteiro. “Escollemos un percorrido sinxelo xa pensando en que era a primeira ruta despois das vacacións de Nadal”, apunta o coordinador das rutas culturais universitarias. 

Unha de sete

Durante 2019 serán sete as rutas culturais que se celebrarán. Tras esta primeira andaina polo Baixo Miño, a programación incluirá, entre outros, percorridos pola contorna de Ourense, por Castro Laboreiro e polo río Paiva, en Portugal, por Fornelos de Montes e polo Camiño dos Faros. Como peche ás rutas culturais 2018/2019, os días 4 e 5 de maio celebrarase unha fin de semana de sendeirismo e natureza que nesta ocasión terá como escenario a Reserva da Biosfera de Allariz, en Ourense. Dado que nesta edición se celebran os 20 anos da posta en marcha destes roteiros culturais universitarios, tampouco faltará algunha actividade conmemorativa deste fito.

Inscrición

A inscrición en liña en cada andaina pode facerse desde 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior para a comunidade universitaria e dende o martes ao xoves antes da ruta para as persoas alleas á comunidade universitaria. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando por exemplo entre os 8 euros por ruta co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Cada andaina realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración ao alumnado universitario. Desde a organización sinalan que o equipo aconsellable para este tipo de percorridos debe estar formado por mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar. Haberá autobuses para trasladar ás e aos participantes ao inicio de cada ruta dende os tres campus da Universidade de Vigo.