A través de fotografías que buscan dar visibilidade a diferentes traballos desempeñados por mullere

Mar Caldas reivindica en París as ‘facedoras’ de Bueu e do Baixo Miño

A exposición ‘Les Faiseuses’ exhíbese no Colexio de España 

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/01/2019

Dar visibilidade ás achegas das mulleres galegas ás súas comunidades e contribuír á súa vez ao “necesario recoñecemento social dos traballos que desempeñan” constitúen dous dos obxectivos que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Mar Caldas perseguía con Facedoras de Bueu, unha serie de fotografías que retrataban no espazo público a traballadoras da conserva, redeiras, costureiras ou cociñeiras que en 2018 presentou no Museo Massó desta localidade. Con eses mesmos obxectivos, Caldas iniciou unha nova serie fotográfica, Facedoras do Baixo Miño, que desta volta pon o foco nas achegas das mulleres do rural galego a ámbitos como a agricultura, un proxecto que continúa desenvolvendo na actualidade e que nestas semanas se exhibe por primeira vez no Colexio de España en París, xunto con varias fotografías pertencentes á serie de Bueu, nunha exposición que leva o título de Les Faiseuses (As facedoras), e nas que as mulleres son retratadas en espazos exteriores relacionados coa súa actividade xunto ás vestimentas e obxectivos propios dese labor, “amosándose fortes, poderosas, orgullosas, donas de si”, como sinala a artista responsable dunha serie que de novo toma como referencia “o legado da historia da arte”.

As dúas series, lembra Caldas, “circunscríbense á Galicia non urbana”, no caso das Facedoras de Bueu poñendo o foco nun “patrimonio laboral feminino” estreitamente ligado ao mar, mentres que en Facedoras do Baixo Miño, explica, “a conexión é forte coa terra”, tendo en conta que esta é unha zona que, máis aló de contar cunha franxa costeira, “destaca pola súa riqueza agrícola”. Nese senso, Caldas pon o foco nesta serie en como as mulleres do rural galego cultivaron tradicionalmente os seus campos particulares, labor reflectida nalgunhas fotografías dunha serie que ao mesmo tempo tamén se detén en “iniciativas empresariais emprendidas por mulleres” ou na creación de empresas “onde a man de obra feminina é elevada”, como invernadoiros, plantacións de árbores froiteiras ou adegas, aínda que algunhas das imaxes da serie achéganse a outro tipo de ocupacións “tamén características da zona”, retratando percebeiras ou mulleres que traballan nas súas casas para o sector téxtil.

“A verdade é foi sorprendente a boa recepción que tivo”, sinala Caldas do proxecto polo que foi seleccionado na convocatoria aberta polo Colexio de España situado na cidade universitaria de París para a organización de exposicións e que permitiu amosar, como sinala a artista e docente, “que é un traballo que transcende ao local”. Nese senso, Caldas recoñece que a posibilidade de levar a París estas 17 fotografías de medio formato permitiu así mesmo incidir en que “a contribución das mulleres, coas especifidades e características propias de cada lugar é desde logo algo universal”, á vez que amosar na capital de Francia unha imaxe de Galicia, caracterizada pola luminosidade das imaxes, “que se sae dos tópicos de representación”. 

Maruja Mallo como inspiración

Ao igual que en Facedoras de Bueu, a obra de Maruja Mallo constitúe unha “referencia directa” para esta nova serie, recoñece Caldas, que lembra como a pintora galega dedicou unha serie pictórica, "protagonizada integramente por mulleres, aos traballos do campos e do mar” da que forman parte obras como Canto de las espigas coa que, por exemplo, Caldas dialoga na súa fotografía Esfolladora de millo. Mais ao mesmo tempo, a artista tamén se nutre doutra serie de referencias da historia da arte para as composicións das súas fotografías, desde escenas campestres retratadas en cadros de Goya, aos xestos das madonnas de Botticelli, pasando por referentes do romanticismo como Friedrich, cuxa influencia se fai presente na fotografía das traballadoras nun invernadoiro de flores ou na fotografía das percebeiras. As fiandeiras de Velázquez, o Almorzo na herba de Manet ou Campesiñas comendo mazás de Carlos Maside son outras das obras tomadas como marco de referencia por Caldas nunha serie que ata o 31 de xaneiro poderá contemplarse no Colexio de España na capital francesa