Na segunda xornada de liga, mediuse en Pontevedra ao Círculo Ferrolano

O EXP-Universidade de Vigo salva un empate no seu primeiro enfrontamento como local

O equipo universitario cae ao cuarto posto na clasificación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 04/02/2019

Despois de iniciar a tempada na División de Honra do xadrez galego cunha vitoria 1-5 na casa do Recatelo Campus Terra de Lugo, o Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz disputou esta fin de semana en Pontevedra o seu primeiro encontro da tempada como local, no que só puido salvar un empate (3-3) fronte ao Círculo Ferrolano. No enfrontamento celebrado na Casa da Luz, o equipo universitario mediu forzas cun habitual da parte alta da clasificación, fronte ao que só puido salvar “un emapate in extremis”, como salienta o capitán, Pablo García, resultado que fai ao equipo pontevedrés caer ao cuarto posto da clasificación, que agora lideran Xadrez Ourense, Xadrez Fontecarmoa e USC con nove puntos.

Un punto por debaixo sitúase o EXP-Universidade de Vigo, que rematou líder a primeira xornada, despois deste igualado duelo no que o mestre internacional Pablo García ocupaba un dos postos no banco, respondendo así ao "compromiso coas novas promesas e a posta en valor do equipo como unidade”, sinala, nunha rolda na que debutaron co primeiro equipo Francisco Veiga e Víctor Miguel e na que os primeiros resultados deixaron contra as cordas ao equipo local. 

Dúas vitorias contrarrestan un mal inicio

Por unha banda, o debutante Víctor Miguel viu como o “excesivo consumo de tempo” pasáballe factura nunha “partida aparentemente controlada” fronte a Walter Rodríguez, ex-campión de xadrez rápido, que fixo uso da súa maior experiencia para agardar os erros do xogador pontevedrés. Acto seguido, o EXP-UVigo sufría unha nova derrota na partida de David García, marcada polos enroques en distintos flancos. A este tropezo sumáronse a continuación o empate de Alberto Portela no primeiro taboleiro, no que se mediu ao mestre internacional Diego Guerra, ex-xogador dos universitarios, e as táboas acadadas por Francisco Veiga no segundo tras neutralizar a vantaxe obtida polo seu rival.

Así as cousas, o enfrontamento atopábase 1-3 a prol dos ferroláns a falta do remate das partidas nas que Daniel Rivera e Rubén Fernández amosábanse en “clara desvantaxe”, recoñece o capitán do EXP-UVigo. O primeiro, relata García, viu como un “desacertado medio xogo” facíalle perder a súa vantaxe inicial ata situarse nunha clara inferioridade que, grazas á súa veteranía, foi quen nas xogadas finais de transformar en igualdade e posteriormente "nun final gañador que non perdoou". Tamén con desvantaxe material e de posición, Rubén Fernández, unha das novas promesas do club, deu mostra do seu talento e, relata García, “tomou a única decisión que podía dar a volta á partida, lanzarse a un ataque directo sen pensar no material que ía deixar atrás”, decisión que, de feito, deu o segundo triunfo aos locais e sitúou o 3-3 no marcador final nunha xornada que deixou para os once equipos do Escola de Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo que compiten na Liga Galega un balance de cinco vitorias, catro derrotas e dous empates. 

Tras este resultado, o EXP-UVigo sitúase cuarto con oito puntos, un por debaixo dos tres conxuntos que lideran a División de Honra, entre os que se atopa o Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía, co que o equipo pontevedrés se medirá a vindeira fin de semana na terceira rolda da competición autonómica.