Trátase da ‘Argia Angelae’, descrita nun artigo do que é coautor o profesor da EE Forestal Adolfo Co

Investigadores de Vigo e Brasil descubren unha nova especie de libélula

Atopada o parque nacional brasileiro de Chapada dos Guimarães

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/02/2019

O Parque Nacional de Chapada dos Guimarães, no estado brasileiro de Mato Grosso, foi un dos lugares escollidos polo investigador da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero para o desenvolvemento dos estudos de campo do proxecto de investigación dirixido a estudar o papel que a diversidade e variabilidade de comportamentos xoga na conservación das libélulas, que ao longo dos últimos catro anos desenvolveu o grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), co financiamento do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad. Coa colaboración de investigadores de diferentes universidades brasileiras, Cordero puido estudar nesta zona protexida de preto de 33.000 hectáreas máis de 100 especies de libélulas, entre elas unha decena de especies de xénero Argia, o máis común no Brasil e ao que se incorpora agora unha nova especie. Trátase da Argia angelae, descrita por primeira vez no artigo que Cordero asina na revista Zootaxa xunto a Diogo Vilela, investigador do Departamento de Bioloxía da Universidade de São Paulo, Rhainer Guillermo Ferreira, da Universidad Federal São Carlos de Brasil, e Kleber del-Claro, da Universidade Federal de Urberlândia. 

Argia angelae (Odonata: Zygoptera: Coenagrionidae) sp. nov. from Chapada dos Guimarães, Mato Grosso, Brazil é o título do artigo no que estes catro investigadores describen esta especie e compárana con outras do seu xénero, á vez que achegan un mapa da súa distribución coñecida. Trátase dun estudo resultado do traballo de campo realizado neste parque nacional a finais de 2015 e que lles permitiu reunir tamén novos datos sobre a especie Argia bicellulata e sobre a femia da Argia tupi. Con preto de 130 especies descritas, das que preto de 50 están presentes no Brasil, o xénero Argia, só presente no continente americano, constitúe, como explica Cordero, “o máis abundante en especies e individuos nos ríos e regatos de América Latina”. 

Neste caso, a Argia Angelae foi descuberta no que alí se denomina, como explica Cordero, unha “vereda, que é unha zona encharcada de forma estacional, con abundantes palmas”, espazos que, como recoñece, non adoitan ser doados de visitar. De feito, non se desenvolveran estudos nesta zona desde comezos do século XX, feito ao que compre sumar que a Argia angelae, pese a ser “bastante diferente” a outras especies deste xénero, é unha libélula “moi pequena” que ademais “vive moi metida na vexetación”, polo que non resulta doada de atopar, outro dos motivos polos que non fora descrita ata este momento. “Seguramente hai algunha especie máis aínda por descubrir, xa estas zonas están pouco estudadas”, recoñece Cordero.

Un resultado derivado dun proxecto desenvolvido en varios continentes

As selvas do Brasil, Perú ou China foron algúns dos lugares nos que os investigadores e investigadoras do grupo EcoEvo desenvolveron os traballos de campo dun proxecto de investigación dirixido a estudar os cambios etolóxicos en libélulas de diferentes continentes a partires da análise da súa adaptación a hábitats alterados por plantacións de árbores con fins industriais, como sería o caso da palma, do caucho ou do eucalipto. Un traballo de campo que implicaba a captura e marcaxe dos diferentes exemplares para logo proceder á súa solta e observarción do comportamento. “Tivemos que poñerlle nome a todo o que colectamos e neste caso non coincidía con ningunha especie coñecida”, recoñece Cordero do achádego ao que finalmente deron o nome de Argia angelae en homenaxe á bióloga, xa falecida Ángela Helena Torezan Silingardi.

De feito, ademais de abordar as características desta especie, o artigo que Cordero asina xunto a Diogo, Vilela, Guillermo Ferreira e del-Claro pon tamén de relevo os efectos da actividade humana sobre os ecosistemas e a importancia das medidas de conservación. De feito, entre as conclusións do artigo resaltan a importancia de zonas con solos permanentemente saturados de auga como os das zonas nas que atoparon esta espeice, xa que acollen unha grande riqueza de biodiversidade animal e vexetal, pero que presentan tamén, indican, unha “baixa capacidade de resiliencia” a eventos disruptivos.