O profesor Nicanor Alonso, autor de ‘A Lista de Hilbert’, avoga pola ciencia en lingua propia

O discurso matemático máis famoso da historia, traducido ao galego

O libro recolle o discurso do investigador alemán en 1900 cos 23 retos desta disciplina para o s. XX

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Cultura
Ana Proupín DUVI 12/02/2019

O matemático alemán David Hilbert, formulou no ano 1900 un discurso que marcaría as pautas desta disciplina para os seguintes cen anos. O seu relatorio, considerado como o máis importante no ámbito científico ata a actualidade, estaba transcrito e traducido a moitas linguas, pero non ao galego. O docente do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo Nicanor Alonso acaba de cambiar esta situación coa publicación de A lista de Hilbert. O autor, ademais de achegar ás e aos lectores o famoso discurso, fai un repaso do estado actual das matemáticas e os retos vixentes desta disciplina -entre os que aínda se atopa un dos formulados por Hilbert hai máis dun século-. Na actualidade, o Instituto Clay de Matemáticas de Cambridge ofrece un millón de euros á persoa ou persoas que sexan quen de resolver un destes retos. 

O obxectivo principal do docente vigués neste libro é contribuír ao repertorio de documentos científicos en galego e, ademais, render tributo ao matemático alemán coa transcrición do relatorio enunciado no II Congreso Internacional de Matemáticas celebrado no ano 1900 e considerado, ata a actualidade, o máis importante neste ámbito. En canto ao motivo que o levou a seleccionar este referente para publicar unha obra en galego, o profesor e autor do libro sinala que “Hilbert foi para as matemáticas o que Einstein para a física e penso que debería ser considerado, polo menos, coautor da Teoría da Relatividade”.

Non é a primeira vez que Alonso contribúe, tanto no ámbito científico coma no literario, ao número de obras presentes en galego. Anteriormente editou Elementos. Libro 1, unha tradución de parte da obra do matemático Euclides, xunto co catedrático da Universidade de Vigo José Montero, e tamén abordou a orixe e a evolución dos símbolos en matemáticas en Mate-glifos, traballo de coautoría co docente e compañeiro de departamento, Miguel Mirás. Por outra banda, tamén publicou O Kylix dos deuses, un volume de literatura xuvenil no que un detective ten que resolver diferentes enigmas correctamente para lograr a súa supervivencia. 

Un discurso que marcou o devir das investigacións cen anos despois

O relatorio do científico alemán enunciado en 1900, traducido e recollido en A Lista de Hilbert, serviu para fixar as bases da investigación matemática dos cen anos seguintes. Neste discurso expuxo 23 enunciados simples pero de difícil solución, aos que diferentes científicos, el incluído, dedicaron a súa carreira profesional. “As matemáticas actuais son debedoras de Hilbert. As persoas que resolveron algún dos seus problemas entraron no Olimpo deste ámbito e deron paso a campos de desenvolvemento insospeitados naquel intre”, explica Alonso, que engade que “Hilbert resolveu parte do problema 21, traballou sen éxito no 16 e un alumno seu resolveu o 3”.

A achega que fixo o matemático alemán ao devir da ciencia é “indiscutible”, non por conseguir unha solución particular de cada problema, senón polo desenvolvemento que se tivo que dar en diferentes campos para atopar as solucións. Exemplo disto son “os problemas relacionados coa teoría de números, que permitiron o desenvolvemento da criptografía, unha parte da matemática sen a que o comercio electrónico actual non existiría”, afirma o autor. Dos 23 problemas que enunciou hai máis dun século, un segue sen contar cunha solución consensuada e aparece recollido na listaxe dos retos matemáticos do novo milenio.

Un premio dun millón de dólares

A última parte da obra de Nicanor Alonso está dedicada aos retos científicos máis importantes existentes na actualidade, todos eles seleccionados polo Instituto Clay de Matemáticas e presentados un século despois da conferencia ofrecida por Hilbert. A institución propuxo sete problemas que se deberían resolver neste milenio, pero o docente vigués advirte que “non é que sexan difíciles, son dificilísimos”. Recollido nesta enumeración está un dos 23 problemas formulados por Hilbert, concretamente o número dez, para deseñar un algoritmo que permita determinar cun número finito de operacións se unha ecuación –diofantina, polinómica, con calquera cantidade de incógnitas e con coeficientes enteiros racionais-, ten ou non solucións enteiras racionais.

O obxectivo do Instituto Clay de Matemáticas é espallar o coñecemento matemático polo mundo, e entre outros premios, pagará un millón de dólares á persoa ou persoas que sexan quen de resolver unha das “seis cuestións que quedan, pois unha xa foi resolta e o gañador rexeitou os cartos ao considerar que dar coa solución era o premio máis importante”, conclúe Alonso.