A inscrición está aberta ata o 26 de febreiro e ofértanse 50 prazas

Formación en loxística para ampliar coñecementos na organización industrial

O curso inclúe visitas a Inditex e Gadisa

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
DUVI 12/02/2019

Xa está aberto o prazo de inscrición e matrícula do curso de 15 horas, O deseño e a xestión dos almacéns, que terá lugar na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, os días 1, 2 e 8 de marzo. Neste módulo, inserido no V Curso de Especialista Universitario en Dirección de Loxística e produción, trabállanse os coñecementos necesarios,  como as variables de deseño e as operativas, para a implantación duns almacéns eficientes dentro de cadeas de subministro globais. Ademais, exporanse exemplos de deseños e melloras levados a cabo por empresas de diferentes sectores e porase o foco no papel que xogan as tecnoloxías no correcto funcionamento dun almacén. Por outra banda, tamén se fará fincapé no sistema de información para a xestión do almacén (SGA).

O curso, organizado pola EEI  e polo Grupo de Enxeñaría da Organización  do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo, está dirixido por Carlos Prado, catedrático de Organización de Empresas da Universidade de Vigo, que explica que “hai anos que somos un referente no ámbito da loxística polo que as empresas, tanto galegas coma nacionais e internacionais, demandan e avalan este curso”. 

Esta formación, que ten un recoñecemento de 1.5 créditos, está dirixida tanto a alumnado de grao e mestrado como a persoal titulado do sector. Non obstante, toda persoa da comunidade universitaria e allea a ela que acredite uns estudos mínimos equivalentes a 2º de bacharelato e estea interesada nos contidos, pode inscribirse, ata completar o aforo de 50 prazas, antes do 26 de febreiro. 

Unha ensinanza multidisciplinar

O programa do curso ten unha parte na que se tratarán os contidos teóricos da man do docente da institución académica viguesa Jesús García Arca. O seu seminario de cinco horas versará sobre a codificación de unidades de almacenamento, é dicir, sobre o emprego das tecnoloxías da información e das comunicacións para a xestión do almacén. 

A maiores da parte teórica, inclúese unha formación práctica e visual con saídas a dúas grandes empresas. En primeiro lugar, o día 1 de marzo está prevista unha visita de día completo na que o alumnado se desprazará ata Arteixo para poder coñecer de primeira man a estratexia e o deseño do sistema de almacenaxe en Inditex, unha das maiores compañías de distribución de moda no mundo. En segundo lugar, durante a tarde do día 8, Gadisa, empresa líder de distribución no noroeste de España por facturación e con sede en Betanzos, abrirá as súas portas ao estudantado para amosarlle o seu sistema loxístico. “Neste módulo considerabamos que era moi importante visitar firmas que fosen referentes en loxística e produción e ambas empresas son claros exemplos nestes ámbitos”, conclúe Prado.