Grazas a súa vitoria por 3,5-2,5 ante o Xadrez Rianxo

O EXP-Universidade de Vigo retorna ao liderado da Liga Galega

O equipo pontevedrés encabeza a División de Honra igualado co da USC

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 18/02/2019

Unha vitoria curta fronte ao Xadrez Rianxo, permitiu ao Escola Xadrez Pontevedra–Universidade de Vigo Estratexia pola paz retornar esta fin de semana ao máis alto da clasificación da División de Honra da Liga Galega de Xadrez. Tras pechar a xornada inaugural do torneo autonómico no primeiro posto da táboa, o conxunto pontevedrés volve a liderar, xunto co equipo da USC co que se atopa empatado a 15,5 puntos, a clasificación despois da disputa da cuarta rolda da competición, na que o EXP-Universidade de Vigo sumou en Pontevedra a súa primeira vitoria como local, un axustado triunfo por 3,5 fronte a 2,5 puntos diante do Xadrez Rianxo, que non obstante non deixaba satisfeito ao conxunto que capitanea Pablo García, dado o igualada que se presenta a competición autonómica.

Liderado por tres ex-campións galegos absolutos, entre eles Inés Prado, a única muller que logrou este título, o Xadrez Rianxo presentábase como un rival combativo na Casa da Luz, onde, non obstante, o equipo local foi capaz de sumar tres puntos nos seus enfrontamentos fronte a estes tres principais referentes do equipo visitante. Así, Alberto Portela abría o marcador aproveitando un erro de cálculo de Fernando Sánchez, mentres que Daniel Rivera superaba a Inés Prado, quen tras quedar en desvantaxe na apertura foi capaz de darlle a volta a partida e situarse moi preto da vitoria, á vez que Francisco Veiga era quen de derrotar ao campión galego García Carbó nunha partida moi difícil na que logrou imporse grazas á execución dun complexo final, “facendo gala dunha técnica exquisita”.

Non obstante, estes tres triunfos víronse empañados polo feito que o equipo local só fose capaz de sumar medio punto máis nos restantes taboleiros, “nos que os universitarios eran claros favoritos”, engade o capitán do equipo universitario. Por unha banda David García caeu derrotado nunha partida na que se viu lastrado por un erro táctico, e, por outra, o mestre internacional Pablo García vía como o cronómetro puña contra as cordas a súa estratexia de partida e levábao a sufrir a súa primeira derrota da tempada. Dous resultados aos que se sumaba que Rubén Fernández, “pese a tentalo de todas as maneiras posibles”, tivo que conformarse co empate.   

Na procura dun mellor resultado como local

Aínda que axustada, a desta fin de semana foi a primeira vitoria da tempada para o EXP-Universidade de Vigo na súa sede da Casa da Luz, á que retornará o vindeiro sábado para medir forzas coa Escola Luguesa de Xadrez, un equipo que vén de incorporar aos irmáns granadinos Domingo Nuñez e que se atopa na zona media da táboa dunha igualada División de Honra, na que os dous equipos que ocupan o liderado superan por un punto ao Xadrez Ourense e por dous ao Xadrez Fontecarmoa.

Máis aló da División de Honra, a cuarta xornada da Liga Galega 2019 deixou un balance de catro vitorias, un empate, cinco derrotas e un encontro adiado para os once equipo do Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo