A Vicerreitoría promove o obradoiro gratuíto ‘nPositivo. Actitude Emocional’

Un taller no que divertirse e traballar á vez motivación e concentración

Dirixido ao alumnado, será impartido polo experto en clown Alberto Rosell

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/02/2019

Aumentar a “actitude emocional” das e os asistentes. Este é o obxectivo principal de nPositivo. Actitude Emocional, un obradoiro promovido pola Vicerreitoría do campus dentro do Campus Crea que busca traballar co alumnado aspectos como a motivación, a concentración ou a mellora da autoestima. E facelo “dun xeito divertido”, como sinala o experto en clown Alberto Rosell, responsable de impartir un taller que se desenvolverá entre o 25 e 27 deste mes na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e articulado a partires de “dinámicas grupais, teatrais e de clown”. Dirixido ao alumnado e de carácter gratuíto, este taller mantén aberta a súa inscrición na plataforma Culturxest ata completar as súas 18 prazas.

“Cunha boa actitude emocional o que estamos conseguindo é aumentar a motivación, pór unha boas bases para unha mellora real da autoestima, non baseada en premios ou obxectivos”, sinala Rosell do punto de partida deste taller de doce horas, centrado en abordar cuestións como esa motivación intrínseca, a busca dunha desinhibición o traballo da autoestima e a potenciación da imaxinación. O obxectivo, engade o responsable deste curso, é facer uso das técnicas do clown para levar aos e ás asistentes a un proceso de reflexión que lles axude a “comprender as súas emocións”. Para iso, este taller de 12 horas centrará a súa primeira xornada en actividades dirixidas a xerar “unha cohesión de grupo de traballo” e promover unha “desinhibición, que desaparezan os medos e as vergoñas”, para centrar a súa segunda xornada en traballar a motivación e abordar na súa terceira sesión diferentes propostas relacionadas tamén coa desinhibición e a improvisación para abordar así aspectos como “saber reaccionar ante unha situación que non resulta fácil ou perder o medo ao fracaso”. 

Aprendizaxe a partires do xogo 

Deste xeito, explica Rosell, pódense abordar tamén “outros pequenos obxectivos que pasan desapercibidos nas dinámicas, pero que imos ir traballando a través dos xogos”, como a mellora da capacidade de concentración ou a busca dun maior “autocoñecemento”. Nese senso, o responsable deste curso incide en que, ao igual que nos obradoiros que previamente impartiu no campus sobre aprender a falar en público, a base desta actividade será tamén “un método experiencial e dinámico”, sustentado en xogos e exercicios grupais e que trata nese senso que as e os asistentes “páseno ben e así aprendan”.