O coleccionista Luis Sirvent protagonizou un coloquio na Facultade de Belas Artes

A universalidade da arte comeza no local

Na súa intervención, incidiu na falta de estratexias para a promoción das e os artistas galegos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/02/2019

A falta dun maior apoio institucional, da existencia dun maior número de galerías, espazos expositivos ou coleccionistas e a falta de “estratexias de promoción” constitúen, segundo Luis Sirvent, algúns dos factores que inciden en que en Galicia existan “artistas magníficos” pero “totalmente descoñecidos”. Este coleccionista de arte foi protagonizou na tarde deste luns un coloquio na Facultade de Belas Artes que centrou na súa propia experiencia e na súa aposta persoal por un “coleccionismo de proximidade”, do seu interese por coñecer e adquirir traballos de artistas da súa contorna. “Unha persoa non é internacional por ter nacido en Berlín, ou en Estocolmo”, salientou Sirvent neste coloquio no que incidiu en que “a universalidade comeza no local” e no que puxo o acento en que serán as estratexias de promoción as que contribúan a internacionalizar ás e aos artistas.

A universalidade comeza no local. Cara un coleccionismo de proximidade. Un punto de vista era o título desta actividade promovida pola profesora Almudena Fernández Fariña e o Departamento de Pintura, que se insire nunha serie de coloquios que esta docente promove cada curso no marco das actividades da materia Arte e contemporaneidade. “Todos os anos tentamos convidar a persoas relevantes dentro do sistema da arte en Galicia para que lles falen ao alumnado desde a súa experiencia profesional”, explica Fernández Fariña dunha iniciativa que a pasada semana levou á facultade á Chus Villar, da galería Nordés, e que este luns ten por primeira como convidado a un coleccionista. “É verdade que non é unha profesión, pero dende logo é unha actividade que implica unha responsabilidade social”, salienta Fernández Fariña, quen destaca a Sirvent como un “axente moi activo do sistema” artístico, como unha persoa “que fai un labor extraordinario de apoio aos creadores e ás galerías”, á vez que pon de relevo a súa “vocación por compartir a súa importante colección” a través da cesión das súas obras a múltiples exposicións. 

Falta de promoción e apoios

Como a súa propia faceta de coleccionista “foi evolucionando e cambiando” ao longo das décadas “ata chegar a convencerme de que o meu lugar é o coleccionismo de proximidade” foi un dos aspectos abordados por Sirvent nun coloquio que, a partires da súa propia experiencia, permitiu falar tamén do propio momento que vive a arte en Galicia. O conferenciante lembrou nese senso como, inicialmente, súas adquisicións de arte estaban tamén vinculadas á contorna, nunha época, previa á década de 1990, na que “era complicado ter información, na que non había case feiras nin catálogos”. Será logo o desenvolvemento e extensión destas canles de comunicación ás que provocan nos e as coleccionistas “un entusiasmo de abrirnos a toda esa internacionalidade”, ao ser máis factible mercar “obras de autores tanto nacionais como estranxeiros”. Non obstante, esa profusión de información foi tamén á que o levou a centrarse de novo nos creadores e creadoras máis próximos, xa que, apunta, “creaba unha especie de cegueira que non che deixaba estudar todo o que acontecía aquí en Galicia”. “Realmente, despois de estudar o que se está facendo fóra, sen deixar de recoñecer os traballos magníficos doutros artistas, vexo que a expresión das obras dos nosos artistas son tan boas como as dos outros”, engade este coleccionista, quen nese senso incide en que é a “falta de promoción, de estratexias” ás que impiden unha maior internacionalización dos e as artistas galegos. “Non hai apoio institucional, cada vez temos menos museos, non hai case galerías, coleccionistas somos media ducia...”, engadiu este conferenciante para quen en Galicia existen “artistas magníficos, descoñecidos totalmente fóra e incluso tamén a nivel local”. 

Unha colección, un retrato 

"Sempre tiven moito interese pola imaxe visual e gráfica”, sinalou Sirvent, quen lembrou neste coloquio como “aos 14 anos estaba xa visitando exposicións” e quen recoñeceu como esa "ansia por ter unha obra que che emocionaba" rematou levándoo a dar forma a unha colección que, recoñece, pode rematar constituíndo, unha sorte de "retrato" del mesmo, xa que, explicou, "compro sempre a través do seu corazón, os meus impulsos, o meu xeito de entender a pintura”, o que leva a súa colección sexa “totalmente ecléctica e subxectiva”. Así mesmo, con respecto ao papel que poden xogar as e os coleccionistas no sistema artístico, Sirvent lembrou que “máis coleccionismo supón máis vendas, máis saídas para os artistas e unha maior difusión”, de tal xeito que, apuntou, máis aló da riqueza económica que puidese achegar, esta actividade xera tamén “unha riqueza patrimonial, pola que teríamos máis galerías e outros motivos para que a cultura se activase máis”.