Na exposición 'Sen Moldes II', que aborda tamén a violencia machista e a orde sexual imposta

O alumnado de Belas Artes reflexiona sobre os roles de xénero a través de 19 fotografías

A mostra exhíbese desde este mércores no primeiro andar da facultade

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/02/2019

Promover unha reflexión, a través da fotografía, sobre os roles de xénero, a violencia machista e a orde sexual imposta é o propósito central do exercicio que, no marco da materia Técnicas fotográficas, os docentes Mar Caldas, Andrés Pinal e Carlos Tejo propuxeron ao alumnado do grao en Belas Artes. Das propostas que, no marco desta materia de primeiro curso, achegaron máis dun cento de alumnos e alumnas saíron as 19 fotografías que integran Sen Moldes II, unha exposición que desde este mércores se exhibe no primeiro andar da Facultade de Belas Artes e que amosa a “resposta sincera, valente e sen prexuízos” que, como sinalan os seus impulsores, as alumnas e alumnos deron unha iniciativa que, por segundo ano, tivo como resultado unha exposición, coordinada por Tejo e patrocinada pola Unidade de Igualdade da Universidade.

Tralo seu paso polo Centro Comercial da Cidade Universitaria en Vigo, o pasado mes de outubro, e antes de trasladarse tamén á Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, está serie de fotografías realizadas por 18 alumnas e un alumno exhíbense desde este mércores na facultade na que se xestaron. “Parécenos fundamental propor un exercicio en clase sobre estas cuestións e introducilo ademais no alumnado que está empezando a carreira”, sinala Tejo dunha proposta que se viu precedida pola análise en clase dun bo número de artistas “que traballan temas de xénero desde a fotografía”. Un exercicio ao que as e os estudantes deron unha “moi boa reposta”, engade, non só polas diferentes visións e reflexións que achegan sobre estas cuestións, senón polo feito de que nas enquisas que realizou ao alumnado da materia “practicamente o 95% dicíanos que considerábano unha formación importante”.

Das convencións sobre a beleza á posta en cuestión da “impositiva heterosexualidade”

Entre as fotografías e series de imaxes seleccionadas por Tejo, Caldas e Pinal, reúnense tanto imaxes que proxectan “metáforas que provocan lecturas abertas” como outra serie de obras que “desde a súa rotundidade, falan directa e abertamente da temática proposta”, imaxes que “mostran outras realidades posibles arredor do xénero, cuestionando a norma ou denunciando as arestas máis perigosas do patriarcado”. Así, entre as 19 fotografías que integran a mostra atópanse propostas que abordan “as convencións sobre a beleza da muller que impón a sociedade patriarcal”, como as fotografías de Carla Fernández e Lola Calviño, mentres que outras imaxes, como El período tabú de Nuria Ferreiro “recuperan un pouco a esencia política do movemento feminista dos anos 70, que reivindicaba cousas como o ciclo menstrual como algo que non é impuro”, salienta Tejo. Outra serie de fotografías, como as proposta por María Pérez, Paola Reboreda, Iria Pereira e Carla Montouto parten do traballo coa “dislocación de xénero”, poñendo en cuestión “unha impositiva heterosexualidade”. 

Do mesmo xeito, imaxes con carga irónica como aquela na que Iria Pazos presenta un peito de muller difuminado coa excepción da teta, “dándolle a volta a esa censura estúpida que temos nas redes”, conviven nesta mostra con outras “imaxes moi máis poéticas” como a serie de fotografías de orellas proposta por Mónica Pascual, “que fan alusión á unidade dentro da diversidade”. Noutros casos, como o de María Barca, a reflexión céntrase nas “discriminacións que as mulleres seguen sufrindo no ámbito laboral”, como explica esta alumna, que achegou unha serie de seis retratos dunha árbitra, unha futbolista, unha enxeñeira, unha policía, unha bombeira e unha mecánica. “Parecíame interesante falar de que sigamos sen ter normalizado este tipo de traballos”, salienta esta alumna, quen destaca desta iniciativa a liberdade que tiñan á hora de abordar cuestións de xénero desde múltiples ámbitos.

Benita Diéguez, por exemplo, optou por empregar como punto de partida para a súa obra Antano unha historia, unha muller. Hoxe barquiñas de papel, as súas propias vivencias “de cando ía de pequena coa miña avoa ao lavadoiro, un espazo no que só había mulleres” e que agora fican sen uso. As creacións de Nahir Álvarez, Uxía Armada, Mateo Barcia, Benita Diéguez, Daniela Domínguez, Vanesa Domínguez, Sofía González, Laura López, Mónica Pascual, Iria Pazos e Uxía Zamar completan unha exposición emprazada nas ventás dun corredor “polo que pasa moita xente e que nos pareceu un espazo moi idóneo”, sinala Tejo.