O campus acolleu unha conferencia sobre esta temática

A entrada na UE, o gran motor de cambio do dereito internacional privado

A cargo do catedrático Alfonso Calvo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 22/02/2019

Explicar a transformación e os retos do dereito internacional privado no marco comunitario. Con este obxectivo, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres unha conferencia de Alfonso Calvo, catedrático de Dereito Internacional Privado da Universidad Carlos III de Madrid. Nela analizou a orixe do retraso histórico que tivo España nesta área do dereito e como a entrada na Unión Europea mudou totalmente ese panorama.  

A actividade, que levou por título O dereito internacional privado europeo no século XXI: perspectivas de futuro, enmarcouse dentro do Curso de Actualización Xurídica 2018/2019 que desenvolve o centro e que consiste na celebración de sete conferencias doutros tantos especialistas que permiten ao longo deste curso académico a alumnado e profesorado actualizar os seus coñecementos en diferentes áreas do dereito. No acto o relator estivo acompañado polos profesores do centro Francisca Fernández Prol e Miguel Ángel Michichel, tamén secretario xeral da Universidade de Vigo.  

“O obxectivo da miña intervención é explicar de onde vén e a onde vai o dereito internacional privado español, de como pasou de ser un dereito bastante atrasado a ser hoxe un dereito de primeira liña”, explicou Alfonso Calvo antes da súa conferencia. España, detallou, “estivo tradicionalmente moi illada” e ese illamento produciu que os actuais especialistas de dereito privado internacional se formasen no estranxeiro. Ademais, indicou o experto, “ata os último vinte e tantos anos o lexislador español cando tiña que elaborar normas limitábase, ben é verdade que con 40 anos de retraso, a copiar o que fixera o lexislador italiano”. Así, puxo como exemplo, “se ti colles as disposicións do Código Civil do tempo de Alonso Martínez ves que son unha copia do Código Civil piamontés”. Había, dixo, “ sempre un retraso: estaba claro que o lexislador español non estaba ao día e que alguén no Ministerio de Xustiza sabía ler italiano”.

Un 90% de normas comunitarias

Fronte a esta realidade, indicou o catedrático, “o mellor que nos puido acontecer foi a adhesión ao que entón se denominaba Comunidade Europea”. A Comunidade Europea, explicou, “creou ela mesma unha competencia que non tiña e hoxe o 90% das normas que temos nesta materia son normas que foron acuñadas polas institucións comunitarias”. Iso, recalcou Alfonso Calvo, garante dúas cousas. Por unha banda, a uniformidade, sendo as mesmas normas en Francia, Italia, Alemaña... e por outra, engadiu, “crea algo que é bo para o individuo como persoa pero tamén como produtor ou consumidor que é poderse mover a onde considera que debe estar o seu centro de vida ou onde, se por exemplo é unha empresa, a relación custes beneficios lle é máis proveitosa”. As barreiras de dereito público, como aranceis ou continxentes de importación, aclarou, “xa foron eliminados cos tratados fundacionais pero as barreiras de dereito privado seguiron existindo e así se reflicten nas xurisprudencia comunitaria”.  

Sobre a actualidade, o catedrático salientou como “estamos asistindo ao que se chama unha revolución europea do dereito internacional privado cuxo obxectivo final é favorecer a mobilidade dos individuos, das familias e das empresas”. Hoxe, indicou, o dereito internacional privado “xa non se atopa no Código Civil senón que a súa auténtica constitución son 18 regulamentos comunitarios moi importantes en materia de contratos, danos, réxime económico matrimonial, quebra, recoñecemento de documentos estranxeiros, etc”.