Un grupo de egresadas exercerá de mentoras de estudantes de 6º de Primaria 

Tituladas pola Universidade e agora formadas para “inspirar” ás científicas e tecnólogas do futuro

O programa Inspira Steam Galicia comezará a desenvolverse en marzo 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/02/2019

Son 18 mulleres egresadas pola Universidade de Vigo, na súa maior parte nas enxeñarías industrial, de telecomunicación e minas. Todas están en activo, algunhas á fronte de empresas creadas por elas mesmas e nalgúns casos, mesmo imparten clase nos centros nos que un día foron alumnas. E desde esta semana todas elas son ademais mentoras do proxecto Inspira Steam Galicia, unha iniciativa que tivo a súa orixe na Universidad de Deusto coa finalidade de promover as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas, e arredor da que a Universidade de Vigo comezou a traballar hai case un ano coa iniciativa IREI, Inspirando ás Rapazas para Estudar Enxeñería. Agora, tras a sinatura dun convenio cos promotores de Inspira Steam, a iniciativa da institución viguesa entra nunha nova fase, que arranca coa formación das mentoras, que trasladarán ao alumnado de 6º de Primaria de varios centros escolares da área de Vigo a súa experiencia profesional e fomentarán entre as rapazas as disciplinas científicas e tecnolóxicas.

“Paréceme importante acabar con certos estereotipos que aínda persisten na nosa sociedade. No centro de saúde onde vou cos meus fillos hai un calendario onde aparecen 12 profesións totalmente baseadas en estereotipos de xénero que considero fundamental erradicar. A día de hoxe moita xente, segue dicindo ‘esa muller é enxeñeiro’, en lugar de ‘enxeñeira’, só porque se considera que é unha profesión destinada ao sexo masculino”, asegura Luisa Álvarez, enxeñeira de Minas pola Universidade de Vigo e mentora do programa Inspira Steam Galicia. Luisa, xunto outras 17 egresadas da institución académica viguesa participou esta semana na formación impartida polo docente da Universidad de Deusto Ander Mimenza, que asegura que “nenas e nenos necesitan referencias femininas. Mulleres que, a pesar das barreiras e a estigmatización social, puideron estudar e desenvolver unha carreira científica ou tecnolóxica”.

Desde a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, a súa responsable, lembra que a iniciativa partiu das directoras e directores das enxeñarías da Universidade de Vigo ante o descenso xeneralizado de mulleres neses títulos, “un problema que segue patente non só no caso da nosa universidade, senón a nivel nacional e polo tanto desde o equipo de goberno apostamos por esta e calquera outra iniciativa que cree vocacións científicas e técnicas entre as nenas”, asegura Natalia Caparrini.  

Unha experiencia piloto en media ducia de centros ao longo de seis sesións

 O alumnado de 6º de Primaria de media ducia de centros escolares da área de Vigo será o primeiro destinatario do programa Inspira Steam Galicia, nunha experiencia piloto que comezará a desenvolverse a partir dos meses de marzo ou abril. Ao longo de seis sesións dunha hora de duración, as rapazas e rapaces, xuntos nalgúns casos e por separado noutros, traballarán da man das mentoras, a través de xogos e outras actividades, en cuestións como: que son as Steam (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths); os estereotipos; profesións; mulleres na historia ou mulleres Steam hoxe. 

“Para as nenas e os nenos é unha gran oportunidade coñecer de preto unha muller que tivese unha oportunidade e a decisión de desenvolver unha carreira profesional Steam e neste caso, ademais mulleres sensibles cunha situación case imperceptible na sociedade: que existe división de traballo por razóns de sexo”, explica Ander Mimenza, que destaca que, con todo, as mentoras están preparadas para favorecer o espírito crítico nas nenas para que poidan decidir libremente o que queiran ser de maiores.

Tras esta experiencia piloto, na que participarán seis centros, “é a primeira vez e preferíamos empezar a pequena escala”, explica Caparrini, a Universidade, tras o interese manifestado por máis colexios en tomar parte nesta iniciativa, empezará a preparar unha nova edición de Inspira Steam Galicia. 

Experiencias en primeira persoa de mulleres Steam

“Decidinme a estudar Enxeñaría de Minas porque me gustaba e dábanse ben as materias do ámbito tecnolóxico e as ciencias da terra e durante a carreira non tiven ningunha dificultade e á hora de incorporarme ao mercado laboral tampouco”, explica Luisa Álvarez, que agarda como mentora ser quen de transmitir a súa experiencia de xeito que resulte produtiva e “que axude a conseguir un mundo con máis igualdade en todos os ámbitos”, explica a enxeñeira. Pola súa banda, Natalia Caparrini é xeóloga, unha titulación na que cando a cursou “non había moitas mulleres a verdade, pero gustábame o campo e a natureza”. A exdirectora da Escola de Enxeñaría de Minas de Enerxía da Universidade de Vigo e agora vicerreitora, asegura, fronte a experiencia da Luisa Álvarez que “nalgunhas ocasións atopeime con algúns compañeiros de traballo que foron moi condescendentes comigo polo feito de ser muller”, lembra Caparrini.

Dado que os estereotipos de xénero teñen unha grande influencia nas motivacións e decisións que toman as persoas á hora de elixir unha carreira profesional, en especial entre as mulleres e nos ámbitos científico e tecnolóxico, o docente e formador Steam da Universidad de Deusto Ander Mimenza asegura que “este feito, como sociedade interpélanos a actuar desde as capas de influenza por excelencia: a educación”, afirma.