O campus acollerá o día 12 de abril un encontro pedagóxico centrado nesta cuestión

O que o ensino pode facer polo desenvolvemento do rural

A cita está organizada por Ciencias da Educación e o CIFP Portovello

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI 26/03/2018

Por segundo ano consecutivo, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense organizará xunto ao CIFP Portovello un encontro pedagóxico que nesta ocasión estará dedicado á educación no rural. A cita, que terá lugar o 12 de abril nas instalacións universitarias, xuntará a alumnado dun e doutro centro para estreitar lazos, para intercambiar perspectivas e sobre todo para que coñezan a realidade e experiencias de éxito de desenvolvemento educativo no rural.

A xornada leva por título II Encontros de Educación dende o Compromiso co Territorio. Achegamento ás Experiencias de Desenvolvemento Rural. “O ano pasado eliximos a temática das cidades educadoras, concretamente o caso luso de Óbidos, e a participación comunitaria na educación. Este ano decidimos centrarnos no rural tendo en conta a preocupación xeneralizada que hai, sobre todo en Ourense, polo despoboamento do rural e a desaparición nel de servizos educativos, algo que á súa vez contribúe aínda máis a ese despoboamento”, comenta Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación e promotor desta iniciativa. Tendo en conta esta preocupación e os resultados da primeira edición destes encontros, apunta o profesor, nesta ocasión deseñouse un programa de mañá e tarde no que alén de achegarse a casos de éxito foráneos, se afondará principalmente na situación galega e “en experiencias de traballo no rural moi interesantes, como é a de Lodoselo, coa que temos unha relación estreita”.

Aprendendo da experiencia

A xornada comezará cunha intervención de Antonio Rodríguez sobre o contexto e a evolución dos centros de desenvolvemento rural a partir da súa experiencia na confederación que os agrupa. Seguiralle unha palestra de Carles de Ahumada, que explicará o caso de L`Olivera como “cooperativa referente na inclusión social” en Cataluña. Xa pola tarde a actividade contará cunha presentación da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, que aproveitando este encontro celebrará unha asemblea, e unha mesa redonda na que se abordará a realidade dos centros de desenvolvemento rural a través de catro casos destacados, como son os CDR O Viso, en Lodoselo; o Portas Abertas, en Vilardevós; o Ancares, en Cervantes, e o Euroeume, en As Pontes. Tanto a sesión da mañá como a da tarde pecharase cunha intervención de Akira Valero e Dani Blanco titulada Rural must go on na que estes estudantes de Portovello farán unha actuación tomando como referentes os temas abordados ao longo da xornada.

Alén do achegamento a estas experiencias de desenvolvemento no rural, Xosé Manuel Cid sinala que o máis importante desta iniciativa é o achegamento que se produce entre os dous centros implicados, que están situados moi preto xeograficamente, e o seu alumnado. Deste xeito, indica o vicedecano, cada curso académico un número destacado de estudantes do CIFP Portovello, concretamente dos ciclos de Animación Sociocultural, Integración Social e Educación Infantil, deciden matricularse na Facultade de Ciencias da Educación ourensá para realizar estudos de grao en Educación Social, Traballo Social ou Educación Infantil. “Esta xornada permite aos estudantes do Portovello vir ao campus, coñecer as instalacións universitarias, preguntar as súas dúbidas, falar cos nosos estudantes... Créase un clima de confianza e convivencia que lles axuda moito á hora de orientarse de cara ao seu futuro universitario”, comenta Xosé Manuel Cid.