A facultade acolle deste este luns o ciclo de conferencias ‘Narrativas multimodais nas aulas’

O alumnado de CC da Educación e do Deporte achégase a novos recursos docentes

No centro desenvólvese tamén esta tarde un taller sobre o uso de instalacións en educación infantil

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Calidade
  • Académica
DUVI 02/04/2018

O uso educativo do audiovisual, paso a paso

Promovido polos docentes Carlos Valcárcel e Esther Martínez, o ciclo de conferencias sobre narrativas multimodais arrincou na mañá deste luns poñendo o foco no audiovisual, na estruturación e planificación do traballo que permite facer un uso didáctico deste medio. Deste aspecto encargouse Roi Gutián, da empresa especializada en proxectos educativos e comunicativos Gingko, quen abordou en primeiro termo as competencias que se poden traballar nas aulas a través do audiovisual. “O primeiro de todo é que o audiovisual é divertido, e iso é moi importante”, sinalou este xornalista, que avoga por facer deste medio “unha ferramenta para crear e participar”, a través do desenvolvemento de proxectos que impliquen o traballo conxunto do alumnado e que permitan deste xeito traballar “habilidades transversais que forman parte do currículo educativo, como por exemplo, a competencia dixital”, pero tamén habilidades persoais como “o traballo en grupo, a creatividade e a comunicación”, ás que se sumaría ademais outra serie de aspectos fóra do ensino formal, como a súa contribución á mellora das relacións grupais ou da autoestima, “porque ao final trátase do traballo dun grupo de persoas que comparten un obxectivo común”.
A partires desas ideas iniciais, Guitián centrou o seu relatorio en achegar, desde unha visión práctica, “unha serie de consellos” que permitan ao alumnado idear e desenvolver proxectos audiovisuais, partindo das diferentes etapas de traballo, do guión inicial á gravación final. O obxectivo do coloquio era abordar “paso a paso que ten que ter unha creación audiovisual coa particularidade de que vai ser feita por un grupo non profesional e nun ámbito educativo”, sinala Guitián, que empregou como “fío condutor” nesta actividade a experiencia do proxecto De ti a ti, desenvolvido no IES Fin do Camiño de Fisterra, e no que Gingko prestou apoio técnico na parte audiovisual dunha iniciativa que ao longo do curso levou a alumnado da ESO a desenvolver unha serie de campañas sobre temáticas previamente definidas por eles e elas, como o fomento das doazóns de sangue ou a prevención do consumo de drogas.


Dúas conferencias por diante


Tras este primeiro relatorio, María Lobo, tamén de Gingko, abordará este martes o “kit de activación dixital” que esta empresa desenvolve no marco do proxecto A Coruña Dixital, e que ten como obxectivo reunir nunha web “unha mostra de proxectos xa feito en Galicia que traballan co audiovisual e con ferramentas multimodais, non só nas aulas senón tamén en contextos de educación non formal”, co propósito precisamente de servir como unha pequena guía á hora de iniciar proxectos deste tipo. Tras este segundo relatorio, o ciclo pecharase o mércores coa conferencia que Valcárcel centrará en ferramentas para o desenvolvemento de presentacións interactivas, dirixida, como explica, a que o alumnado coñeza diferentes recursos que lle permitan integrar vídeo, audio e texto nas presentacións que realizan para diferentes materias.


Viaxes sen saír da aula


Inserida tamén nas actividades extraacadémicas e de difusión cultural desta facultade, Ciencias da Educación e do Deporte acolle na tarde deste luns unha conferencia e un taller dirixidos a abordar o uso das instalacións como ferramenta docente. Organizada pola docente Maite Abilleira, xunto co grupo Remoss e coa colaboración tamén de Cristina Varela, esta xornada engloba unha conferencia e un taller na que o alumnado pode coñecer a experiencia de traballo a través de instalacións da escola infantil Agasalle, da man dos educadores Daniel de las Herras, Natividad Martínez e Cristina Plaza.
O uso de instalacións nas que, a través de diferentes elementos e materiais, se recrea o ambiente propio das estacións do ano é un dos exemplos que estes educadores propoñen dunha metodoloxía de trabaloo que, como explica De las Heras, director desta escola, busca “traballar o vivencial máis que o memorístico”. Deste xeito, a través de diferentes materiais, desde follas a tubos de cartón, a escola busca que os nenos e nenas se acheguen ao outono “recreando un bosque dentro da aula, a través dunha experiencia que se che queda dentro, que é algo máis motivador”. A idea, explica, é que estes recursos, dirixidos por exemplo a traballar a motricidade nun centro dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, permitan tamén que se acheguen a cores e formas. “A través do xogo, eles van crear as súas propias estratexias e ao final iso é creatividade”, sinala o responsable desta escola infantil dunha iniciativa que nese senso completa a presentación inicial de algunhas das instalacións que desenvolveron cunha segunda parte de carácter práctico, que situará ao propio alumnado da facultade ante exemplos reais desta liña de traballo. “A idea é que por grupos fagan tanto o rol de profesores, que teñen que aprender a observar, como de alumnos e alumnas que interactúan coa instalación”, relata dunha iniciativa que, como sinala Abilleira, busca complementar a formación do alumnado da materia Coñecemento da contorna a través da actividade física, con “outra perspectiva”, a da “creación de ambientes de aprendizaxe na propia aula”