Celebraranse o 19 e 20 de xuño na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

atlanTTic organiza unhas xornadas para achegar as novas tecnoloxías acústicas ao sector industrial

Darase visibilidade ás principais aplicacións prácticas desta disciplina e aos principais casos de é

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigar
DUVI 02/05/2018

Amosar as potencialidades da enxeñaría acústica como ferramenta de análise e mellora en distintos ámbitos da industria do automóbil, a aeronáutica e a enerxía. Esta é a idea coa que atlanTTic, o centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, lanza as I Xornadas en Acústica Avanzada para Aplicacións Industriais, cita que se levará a cabo o 19 e 20 xuño na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e que atraerá a persoas con diversos intereses e iniciativas que porán a Vigo na órbita dos últimos avances desta industria.

Esta tarde presentaranlle o evento ao alcalde, Abel Caballero, nas instalacións do concello de Vigo. Á fronte da organización está o profesor do Grupo de Tecnoloxías Multimedia Manuel Sobreira, quen explica que, coa organización destas xornadas a Universidade quere mirar cara a industria para tentar solucionar problemas coas últimas tecnoloxías e a industria debe buscar na Universidade o talento e ideas que completen as súas necesidades e melloren os seus procesos e produtos.

“A industria descoñece o potencial de diagnose das fermentas das que dispoñemos”

“Pensamos que son moitos os casos nos que a industria descoñece o potencial de diagnose das fermentas das que dispoñemos na actualidade e, pola contra, estamos nun punto de inflexión no que a industria pode beneficiarse da aplicación das novas técnicas como son a holografía acústica, o beam forming, os sensores vectoriais acústicos e a intelixencia artificial”, subliña Sobreira, ao tempo que explica que a aplicación destas fermentas de acústica avanzada pode ser de grande interese, tanto para a avaliación da calidade do produto como para a detección de problemas durante o proceso de produción en diversos sectores (naval, automóbil, aeronáutico, enerxético, etc.).

“Queremos achegar máis estas novas tecnoloxías ao sector industrial, en concreto ao tecido industrial galego”, recalca Sobreira, quen fai fincapé na importancia darlle difusión ás empresas das principais achegas destes novos métodos para a avaliación da calidade e a diagnose de diversos problemas baseados na análise do son, fenómenos acústicos e vibratorios, etc. Por outra banda, trátase tamén de pórse ao día sobre as principais demandas de aplicacións que está a facer a industria para incentivar a investigación e o desenvolvemento neste campo.

Da detección dunha billa aberta á localización dun cazador furtivo

Nas xornadas abordaranse as principais tecnoloxías acústicas de aplicación no ámbito industrial relacionadas con tres eixes fundamentais: holografía acústica, sensores vectoriais e intelixencia artificial acústica. A holografía acústica e beamforming son tecnoloxías asociadas á visualización de campus acústicos, empregando a sinal captada por un elevado número de micrófonos, enfocadas fundamentalmente ao diagnóstico de fontes acústicas complexas. Trátase, en xeral, de localizar onde se xera unha vibración ou a emisión dun ruído non desexado.

No caso dos sensores vectoriais acústicos estas tecnoloxías están supondo toda unha revolución no ámbito da acústica aplicada. Neste caso un único sensor permite localizar de onde procede unha onda sonora, é dicir, localizar a fonte que provocou un evento acústico. “Este tipo de técnicas de detección e localización de sinais impulsivas empréganse, por exemplo, para localizar cazadores furtivos”, explica Sobreira.

Polo que respecta á intelixencia artificial en acústica, a utilización dos sensores adecuados conxuntamente con técnicas de recoñecemento de patróns e redes neuronais profundas permite non só localizar un evento acústico, senón ademais detectar de que tipo de evento se trata. “A detección automática de eventos domésticos pode aplicarse á xeración de alertas (caídas domésticas, detección de billas abertas, goteos) ou como apoio doméstico a persoas con dificultades auditivas (detección do choro dun bebé, do son dun timbre, etc.)”, recalca Sobreira.