Xuntanza do proxecto Aquadapt, liderado por Campus do Mar, no edificio Miralles

Proseguen os traballos para a identificar as principais medidas de adaptación da acuicultura ao cambio climático

Realizouse unha posta en común do borrador do informe de diagnóstico

Tags
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/04/2018

Realizar unha posta en común do borrador do informe de diagnóstico sobre os efectos do cambio climático no sector da acuicultura. Este é o principal obxectivo co que este xoves se reuniron na sala 1 do edificio Miralles os socios de Aquadapt, un proxecto liderado polo Campus do Mar, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e cuxo obxectivo principal é afondar no coñecemento do impacto do cambio climático na acuicultura para poder así deseñar accións de adaptación dirixidas a diminuír a vulnerabilidade do sector e aumentar a súa resiliencia.

A xuntanza contou coa participación dos propios socios do proxecto, o Campus do Mar, representado por membros das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, o Clúster da Acuicultura de Galicia (Cetga), o Centro Tecnolóxico da Acuicultura (Ctaqua) e da asociación empresarial Rema- Apromar. Como convidados externos, contouse coa participación de membros de Meteogalicia - Xunta de Galicia, a Oficina Española de Cambio Climático, o Instituto Español de Oceanografía e o Centro Tecnolóxico do Mar, asegurándose así a representación do sector produtivo, a administración e o ámbito académico e de investigación.

Como convidados externos ao proxecto contouse coa participación, entre outros, do catedrático da Universidade de Vigo, José Luis Soengas, coordinador do Máster en Acuicultura, e os investigadores Xavier Labandeira e Elena Ojea, membros do grupo intergubernamental sobre cambio climático da ONU (IPCC).

Identificación dos principais puntos críticos

Tras pórse en marcha a finais do pasado mes de novembro, durante o taller expúxose o traballo levado a cabo polo equipo do proxecto ao longo dos últimos meses, presentando os resultados do informe de diagnóstico para a súa aprobación. “Este diagnóstico consiste na análise da situación actual do sector acuícola fronte ao cambio climático, co fin de identificar os posibles impactos, así como a vulnerabilidade do sector ante eles”, explica a xestora do proxecto, Patricia Quintas, quen tamén fixo fincapé en que a partir desta análise será posible identificar os principais puntos críticos que servirán de guía para establecer entre todos os asistentes as posibles liñas e medidas de adaptación do sector fronte ao impacto do cambio climático.

O plan de adaptación presentarase este mesmo verán

Aquadapt finalizará no mes de xuño de 2018 cunha xornada de presentación na que se dará a coñecer o Plan de Adaptación da Acuicultura Mariña Española ao Cambio Climático e as iniciativas propostas para polo en marcha. “A celebración da xornada terá un carácter público e aberto de modo que os resultados sexan compartidos co maior número de organizacións e persoas posibles”, explicou Quintas.

Co proxecto Aquadapt abórdase por primeira vez a elaboración dun plan de adaptación no sector da acuicultura mariña en todo o territorio español no horizonte 2050, estruturado por especie cultivada e sistema de cultivo, e que levará asociado un plan de acción a curto prazo. Trátase de estudar cales son os posibles impactos que pode exercer o cambio climático sobre o cultivo de rodaballo, dourada e robaliza e deseñar un plan de adaptación, solucións que deberían irse implementando antes de que as posibles consecuencias se fagan realidade, explicaron os responsables do proxecto.