A cita terá lugar do 25 ao 27 de outubro baixo a organización do grupo Ephyslab da Universidade de V

A conferencia sobre hidroloxía da Unión Xeofísica Europea reunirá en Ourense a un centenar de investigadores de 25 países

Será a primeira vez que este evento anual se celebre en España

Tags
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 03/10/2016

A Unión Xeofísica Europea celebra cada ano una conferencia dedicada ao ciclo hidrolóxico. Son as chamadas EGU Leonardo Conferences. Do 25 ao 27 de outubro a cidade de Ourense acollerá a celebración da oitava edición desta conferencia, que por primeira vez ten lugar en España. Arredor de 100 investigadores e investigadoras de 25 países participarán no encontro, organizado nesta ocasión polo grupo Ephyslab da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. O tema elixido para esta edición é a rama atmosférica do ciclo hidrolóxico, abordando todos os aspectos que van dende a evaporación da auga ata a súa precipitación.

Un dos grandes temas científicos do momento

A oitava EGU Leonardo Topical Conference Series on the Hydrological Cycle está coordinada polos docentes e investigadores da Universidade de Vigo Luis Gimeno e Raquel Nieto. “A proposta de celebrar en Ourense a conferencia así como a súa temática foi presentada polo profesor Luis Gimeno á Unión Xeofísica Europea hai dous anos. Un comité internacional da EGU sobre estas conferencias finalmente aceptou a proposta e desde entón traballamos na súa organización desde o grupo Ephyslab”, apunta Raquel Nieto. Sobre a importancia de abordar a temática escollida este ano, os coordinadores do evento recalcan que “este é un dos grandes temas científicos do momento” no marco da preocupación polo cambio climático. “Un estudo detallado do transporte de humidade dende os océanos ou dende fontes terrestres ata os continente pode axudar a comprender mellor os cambios observados no ciclo hidrolóxico e os que resultan nas proxeccións de cambio climático no futuro”, destacan Gimeno e Nieto.

Á cita asistirán un centenar de investigadores e investigadoras procedentes de 25 países, o 50% europeos e o resto de países como Australia, Sudáfrica, Taiwán, Estados Unidos, Brasil ou Costa Rica. Presentaranse 50 conferencias orais e 45 posters nos que se exporán as máis recentes investigación sobre o tema do encontro. “A convocatoria tivo un grande éxito, xa que a media de participantes nestas conferencias é de 50 persoas. Isto xa é indicativo da alta importancia do tema atmosférico dentro da comunidade científica dedicada ao ciclo hidrolóxico”, sinala Raquel Nieto.

Durante as sesións os expertos reunidos tratarán temas como a distribución global do vapor de auga e as relacións entre as zonas evaporativas e os sumidoiros de humidade usando modelos complexos de simulación ou técnicas de isótopos. Tamén prestarán atención aos eventos extremos, como poden ser os ríos atmosféricos, as estruturas atmosféricas de maior transporte de grandes cantidades de vapor de auga; ás secas; ao papel dos monzóns no transporte de humidade ou a importancia dos “low level jets”, cintas transportadoras de humidade a niveis baixos que determinan o clima e tempo en determinadas rexións do planeta.

No contexto do Campus da Auga

Entre os participantes, os organizadores salientan que haberá dez conferenciantes convidados que darán comezo a cada una das sesións nas que se organiza o programa e que foron escollidos polo comité científico do evento debido ao seu alto coñecemento sobre o tema que exporán. Entre eles estarán Paul Dirmeyer e Diego Miralles, encargados de ofrecer respectivamente as conferencias denominadas Senior and Young Leonardo Lectures polo seu recoñecido prestixio, no primeiro caso, e pola proxección futura dos seus traballos, no segundo caso. Paul Dirmeyer é un profesor da George Mason University, en Estados Unidos, recoñecido con numerosos premios internacionais e un referente mundial na investigación sobre as interaccións entre a rama atmosférica e a terrestre do ciclo hidrolóxico. Pola súa banda, Diego Miralles é un novo investigador español que desenvolveu a súa carreira en Holanda, Bélxica e Reino Unido, recentemente galardoado cunha ERC Starting Grant, autor de varios artigos en revistas do grupo Nature e un experto recoñecido mundialmente en temas de evaporación terrestre.

A celebración deste foro en Ourense para discutir sobre temas específicos do ciclo hidrolóxico enlaza co proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. “Pensamos que o Campus da Auga debe amosarse ao mundo científico internacional e non hai mellor plataforma para facelo que os congresos ou conferencias. A existencia deste tipo de eventos sobre o ciclo hidrolóxico encadra perfectamente coa temática do Campus da Auga e por iso nos embarcamos neste proxecto”, comentan Luis Gimeno e Raquel Nieto, que centran na actualidade as súas investigacións no transporte de humidade, contando con máis de 20 publicacións en revistas internacionais sobre esta temática.