Estudantes de BBAA achegan a seis cidades as verbas de 38 creadores e creadoras a través de carteis

A palabra de artista espállase por Galicia

Trátase dun proxecto financiado polo programa Iniciativa Xove, da Xunta de Galicia

Tags
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 27/09/2016

Reivindicar “o discurso do artista nun momento no que ese discurso é construído desde o exterior” é, como sinalan as impulsoras de Palabra de Artista, o propósito co que a finais de 2014 naceu un proxecto que buscaba achegar a artistas e cidadanía a través de carteis que se ían colocando en diferentes puntos da cidade. O que por aquel entón xurdiu como un traballo de clase na Facultade de Belas Artes retorna agora como unha iniciativa subvencionada polo programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, que espallará as verbas de 38 artistas por seis cidades galegas.

“O que nos interesaba realmente é como un artista pode xogar coa linguaxe para relacionarse con contextos urbanos e transmitir o seu propio pensamento á xente que simplemente vai camiñando”, salienta Rebeca López, unha das responsables dun proxecto no que as frases achegadas por 38 creadores e creadoras nunha convocatoria aberta se transforman nos carteis con fondo negro que nestes días poderán verse en diferentes puntos de Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña.

Inundando as cidades de palabras

Frases como Me sueñan las tripas, La única persona con el privilegio de ser mi enemigo soy yo; Intenta silenciar la bomba ou Recuerda quien fuiste para no olvidar quien eres son algúns dos lemas plasmados nos carteis que nestes días achega ás cidades as responsables de Palabra de Artista, as alumnas de doutoramento Andrea Domínguez e Rebeca López, impulsoras da primeira edición xunto con Azalea Santiago; a estudante de posgrao Sheila Broullón, a estudante de Esdemga Elísabeth María Cereijo e o tamén alumno de doutoramento Pablo Loureiro.

O proxecto partiu novamente dunha convocatoria aberta á participación de calquera artista interesado, “que esta vez abrimos a toda Galicia”, e que, coa única limitación de “adecuarse ao contexto da iniciativa, tiña total liberdade” á hora de propor unha frase para este proxecto. Boa parte deles, explican, son estudantes e titulados de Belas Artes, que se sumaron a un proxecto que pretende “que as cidades se inunden de palabras”, buscando así mesmo, "na medida do posible, que os carteis manteñan un díalogo co contexto" no que se empracen. Concretamente, este grupo de estudantes iniciou este proxecto achegando Palabra de Artista o pasado venres a Ourense e este luns a Vigo e Pontevedra. Hoxe martes, as verbas achéganse a Lugo e xa o xoves, chegarán tamén a Santiago e A Coruña.