O campus de Ourense acolleu o acto institucional da Universidade co gallo do Día Internacional da Mu

Para quebrar o modelo patriarcal, educación e feminismo desde as aulas

A asociación universitaria AUCE recibiu o Premio Uviguala 2016

Tags
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 08/03/2016

“Polo seu activismo e compromiso coa igualdade e o seu traballo dirixido a entender que un mundo mellor só se pode acadar cando as mulleres dispoñan das mesmas oportunidades que os homes”. Estes son os valores que fixeron á Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, do campus de Ourense, merecedora do IV Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala 2016. O galardón foi entregado este martes, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, nun acto no que alumnado universitario e responsables académicos recalcaron a necesidade de apostar pola educación e polo feminismo para quebrar o modelo patriarcal imperante. “Temos que ter claro a involución que se está dando no eido da igualdade, para non conformarnos cos avances en lexislación e centrarnos na educación” para mudar a situación, subliñou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, durante o acto.

Interiorizando a perspectiva de xénero

O acto, que tivo lugar no Edificio Xuridico-Empresarial do campus de Ourense, comezou coa lectura por parte da directora da Unidade de Igualdade e secretaria da Comisión de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel G. Penín, do acordo polo que se concede o premio Uviguala 2016 a AUCE, unha asociación de estudantes, egresados e egresadas da Facultade de Ciencias da Educación ourensá. Entre os méritos alegados destacouse a organización de diferentes actividades nas que se promove o feminismo reflexionando sobre a situación das mulleres no mundo actual e as causas das desigualdades baseadas no xénero, como a peza teatral Quéreme ben, que trataba sobre a precariedade laboral e a violencia de xénero. Tamén se salientou o fomento da convivencia en igualdade, a través de iniciativa como o fútbol gaélico, onde a asociación ten promocionado un equipo mixto e outro feminino, e aspectos como o coidado da linguaxe inclusiva e o uso de imaxes de mulleres afastadas de estereotipos nas súas comunicacións.

En nome da asociación recolleron o premio Noemí Giráldez e Pablo Ovalle, egresada de Traballo Social e estudante de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación, respectivamente. “Cando nos informaron da concesión do premio foi unha sorpresa, porque a nosa asociación naceu para dinamizar a comunidade universitaria, non por un tema especificamente de xénero. Nós traballamos a igualdade dunha forma transversal”, explicou Noemí Giráldez. Nese traballo transversal a favor da igualdade, engadiu Pablo Ovalle, foi fundamental “as lentes de xénero” á hora de mirar o mundo que lles puxeron os e as docentes da Facultade de Ciencias da Educación durante os estudos. Froito desa aprendizaxe e “pola nosa formación, a perspectiva de xénero é algo que xa levamos interiorizado e que aplicamos de xeito natural nas nosas actividades”, apuntou Giráldez. Conscientes de que o seu proceder non é o imperante na sociedade actual, os representantes de AUCE salientaron o seu desexo de que alén do 8 de marzo, a igualdade sexa algo que se traballe día a día e de xeito transversal, tal e como eles intentan facer na súa canle Radio Fedello, nos equipos deportivos que promocionan e nas numerosas actividades formativas e divulgativas que organizan.

“Sodes un exemplo refrescante e esperanzador. Que teñades interiorizada a igualdade no voso quefacer diario é algo que debe enorgullecernos polo que representa para o noso futuro”, subliñou Salustiano Mato. Na actualidade, recalcou o reitor, “estamos padecendo un claro proceso de involución na sociedade”, sendo cada vez máis os dereitos “papel mollado” e dándose unha contradición entre un maior avance na igualdade formal pero un retroceso na forma de vida. “Esta involución ten que ser combatida polo feminismo e por políticas de igualdade máis intensas”, advertiu. No caso da universidade, engadiu o reitor, “temos que ser referente, un exemplo”. Neste sendo, apuntou a próxima presentación do segundo Plan de Igualdade da Universidade de Vigo. “Pretendemos, con realismo, dar un impulso maior ao que estamos facendo a prol da igualdade”, indicou Mato durante o acto, que contou coa asistencia de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, das catro decanas de facultades ourensás e doutros membros da comunidade universitaria.

O feminismo como modo de vida

Durante o acto institucional do Día Internacional da Muller tamén se deu lectura dun manifesto en representación do sector alumnado da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, a tarefa recaeu en Alba Rodríguez, alumna do grao de Dereito do campus de Ourense, que elaborou o manifesto co apoio de compañeiros e compañeiras da Delegación de Alumnos do seu centro. Nas súas verbas recalcou o dereito das mulleres “a ser escoitadas por igual, a ser libres, a ser visibles, a ser”. “Non lle debemos nada a ninguén. Non estamos ao servizo de ninguén. Somos libres e como mulleres libres queremos ser suxeitos activos na loita contra o heteropatriarcado, esa palabra que parece asustar tanto pero que é real e que se fai palpable na violencia de xénero e nos micromachismos”, afirmou Rodríguez.

Entre as reivindicacións debulladas pola representante do alumnado estiveron o dereito das mulleres a ser traballadoras, a non ser vítimas, a unha educación en igualdade e a unha universidade que traballe desde esta perspectiva. “É a nosa responsabilidade que a universidade pase por nós, que nos transforme como persoas, pero sobre todo, que nos transforme en igualdade. Nesta transformación, o estudantado é peza clave”, advertiu. Recalcando como todos e todas somos partícipes e responsables “do mundo que construímos e das lacras que creamos”, Alba Rodríguez rematou a súa intervención facendo unha reivindicación do feminismo. “O feminismo non é unha etiqueta. O feminismo é un modo de vida. O modo máis digno de vivir e deixar vivir, sen distinción de xénero”.

Un modelo ideolóxico non universal

O acto celebrado no campus de Ourense completouse cunha conferencia da investigadora da Universidade de Vigo Águeda Gómez titulada Xénero e orde sociosexual: unha viaxe transcultural. Nela, a socióloga fixo un percorrido por diferentes pobos e culturas do mundo para evidenciar como as clasificacións de xénero e a orde sociosexual son unha construción cultural e ideolóxica. “Outro mundo é posible fóra do noso modelo patriarcal”, afirmou a docente, que fixo fincapé en como “nin o patriarcado nin o binomio home/muller son universais”.

Para demostralo, Gómez fixo un repaso a través da súa web Etnicsexualidade. Investigación en grupos étnicos e sexualidade, galardoada cun accésit dos Premios Antonia Ferrín Moreiras da Unidade de Igualdade, por outros modelos de relación entre homes e mulleres. Tendo en conta o dominio predominante do patriarcado, no seu percorrido tiveron protagonismo sociedades matriarcais e nas que existe certa igualdade de xénero, como os bijagó de Guinea Bissau; os mosuo, en China; os khasi, garos e jaintias, na India ou os zapoteca de México. Tamén lembrou como hai sociedades con xéneros múltiples que rachan co modelo binario home/muller e co dimorfismo biolóxico, coma os buguis de Indonesia, onde recoñecen cinco identidades sexo/xenéricas, ou os ciukci siberianos, que recoñecen sete xéneros, e rituais de xénero cruzados. Tras esta viaxe, a docente salientou como o modelo occidental empeza a romperse coa inclusión nalgúns países do sexo indeterminado nos rexistros.