En pleno proceso de reforma, foi convidado ao debate como experto académico

Xavier Labandeira intervén nunha audiencia do Parlamento Europeo sobre o sistema de intercambio de emisións

O catedrático vigués defendeu as bondades do modelo actual, se ben recomendou unha posta a punto

Tags
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 18/02/2016

O catedrático vigués Xavier Labandeira participou este xoves en Bruxelas nunha audiencia do Parlamento Europeo na que se analizou a proposta lexislativa da Comisión Europea –presentada o pasado mes de xullo- para revisar o actual sistema de comercio de emisións para o período posterior a 2020, a gran pedra angular das políticas climáticas da Unión Europa. O obxectivo: que os parlamentarios e parlamentarias puideran escoitar a opinión sobre a reforma de expertos de distintos eidos e poder discutilas cos membros da Comisión de Medio Ambiente. O programa arrancou en 10.30 horas coa benvida do comisario de Acción polo Clima e Enerxía, o tamén español Miguel Arias Cañete, e a continuación tivo lugar a intervención dos especialistas, o primeiro Xavier Labandeira, que foi o persoeiro elixido para proporcionar unha perspectiva académica.

Esta reforma é o primeiro paso no cumprimento da meta da UE para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en, ao menos, un 40% a nivel nacional para o ano 2030, de acordo co marco de política climática e enerxética e como parte da súa contribución ao novo acordo climático global.

Un modelo sofisticado, prototipo para o resto do mundo

Labandeira, que na actualidade exerce tamén como docente e investigador da Universidade Europea de Florencia, iniciou a súa intervención cunha breve reflexión sobre as principais razóns económicas e ambientais do sistema de comercio de emisións, ao que lle seguiu un resumo das evidencias empíricas académicas existentes -tras dez anos de funcionamento do actual sistema-, para rematar cunha serie de recomendacións de cara o futuro, pero defendendo sempre que o actual modelo europeo como un instrumento sofisticado, de amplo respaldo académico, que podería ser visto como un prototipo para o resto do mundo.

“Eu penso que o modelo actual está ben. Academicamente é moi sólido e a evidencia empírica é relativamente positiva, aínda que é preocupante o baixo nivel de prezos que temos e o ideal a conseguir coa reforma sería manter as propiedades fundamentais do sistema, sobre todo no que se refire a custe e efectividade”, recalcou o investigador, quen noutra ocasión asistira xa en Madrid ao Congreso como membro dun comité de expertos sobre cambio climático.

Obxectivos: reducir emisións e protexer a industria

A xuízo do catedrático vigués a proposta de reforma da Comisión Europea , ten, “basicamente”, moito que ver con dúas cousas: dunha banda, a redución de emisións para cumprir cos obxectivos para 2030 e, da outra, a protección da industria europea de posibles efectos negativos sobre a competitividade, é dicir, “se ti tes un sistema cada vez máis estrito e no resto do mundo aínda non hai políticas climáticas debes contar cun sistema compensatorio, por así dicilo, e isto tamén se ten en conta na proposta”. Precisamente con respecto á competitividade, Labandeira fixo especial fincapé na necesidade de “estar atentos e contar con sistemas que poidan protexer a industria europea se isto é necesario”.

Tras a súa intervención, moitas das preguntas dos parlamentarios e parlamentarias fixeron referencia aos principais efectos da reforma sobre temas de competitividade, sobre todo en cuestión de emprego; e tamén sobre a necesidade de seguir axustando de cara ao futuro, “pensando en facelo equiparable ao que se acordou París”.