En recoñecemento polas súas investigacións no campo da seguridade multimedia

O catedrático Fernando Pérez incorpórase ao grupo dos IEEE Fellow

420.000 membros de 160 países integran o Institute of Electrical and Electronics Engineers

Tags
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 14/01/2016

Catedrático de Teoría do Sinal e das Comunicacións na Universidade de Vigo, autor de 15 patentes internacionais e de máis de 200 artigos de investigación, Fernando Pérez González é desde este mes de xaneiro membro IEEE Fellow, unha distinción reservada unicamente para os e as integrantes máis destacados do Institute of Electrical and Electronics Engineers, IEEE, e que constitúe a máis alta honra que pode acadar un membro do instituto. Esta distinción chégalle a Fernando Pérez tras máis de 20 anos dedicados á investigación aplicada no campo das telecomunicacións, máis especificamente nas áreas de comunicacións dixitais e seguridade multimedia, campos de especialización do catedrático, que desenvolve a súa actividade investigadora no seo do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, integrante do Centro de Investigación AtlantTIC. “Este é un recoñecemento non é só á miña traxectoria como investigador, senón un respaldo a un xeito de facer as cousas e o mérito de todo un equipo de investigadores que traballan de xeito rigoroso e tenaz”, asegura Fernando Pérez.

Acadar este nivel no IEEE é un proceso complexo que comeza coa presentación da candidatura por parte doutro Fellow da organización, xunto cunha relación dos méritos máis destacados do aspirante en materia de investigación e o respaldo de ata outros oito Fellows, ademais de institucións ou empresas nas que o candidato xogase un papel de relevo. A partir de aí comeza un proceso de avaliación que, de resultar positivo, culmina co nomeamento por parte do Consello de Directores do IEEE. O número de novos Fellows elixidos cada ano non pode superar o 0,1% dos membros da organización, acadando na actualidade os 9500 en todo o mundo. Uns 300 Fellows integran a promoción de 2016, na que ademais do catedrático da Universidade de Vigo, tamén figura Pablo Rodríguez, director de Investigación e Innovación e responsable do Barcelona R&D lab de Telefonica Digital, polos seus traballos de deseño e desenvolvemento de arquitecturas de distribución de contidos en Internet.

O Institute of Electrical and Electronics Engineers, formado por máis de 420.000 membros de 160 países, é a asociación internacional de referencia para o desenvolvemento e estandarización en áreas técnicas e dela forman parte profesionais de novas tecnoloxías, como enxeñeiros eléctricos, en electrónica e computación, matemáticos aplicados, enxeñeiros en biomedicina, enxeñeiros de telecomunicación ou enxeñeiros en mecatrónica. O IEEE publica o 30% das revistas científicas nos campos da enxeñaría eléctrica e das TIC e desenvolveu máis de 900 estándares internacionais, incluído o WiFi.

Máis de 20 anos dedicados á investigación aplicada ao campo das telecomunicacións

Fernando Pérez dirixe o Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, que forma parte do centro AtlantTIC, no seo da Universidade de Vigo. As súas investigacións sempre estiveron ligadas ás comunicacións dixitais e á seguridade multimedia e precisamente este recoñecemento do IEEE chégalle polas súas achegas neste campo, que se ocupa de “garantir a seguridade, confidencialidade, integridade e privacidade de vídeos, audios e obxectos multimedia en xeral. Como exemplo, con esta tecnoloxía podemos determinar se un vídeo é auténtico ou non, incluso se foi manipulado e como”, explica Fernando Pérez. Grazas ás súas investigacións, baseadas no procesado de sinal, a análise pode realizarse sen intervención dun experto e permite tratar os arquivos multimedia ata a súa orixe ou determinar se unha imaxe foi tomada por unha cámara dada.

O catedrático vigués desenvolve as súas investigacións cun equipo multidisciplinar recoñecido desde a primeira convocatoria realizada pola Xunta como de referencia competitiva.