Traballarán en enerxías renovables e organizarán un acto anual de divulgación
Universidade e Cátedra Gas Natural Fenosa darán un novo pulo á investigación no ámbito do desenvolvemento sostible
Rocío Rodríguez recolleu o III Premio Eva Pérez, en memoria da alumna falecida no accidente de Angro
A Universidade de Vigo segue a camiñar da man coa Cátedra Gas Natural Fenosa (GNF) na procura dun desenvolvemento sostible con novos proxectos sobre a mesa. Nos vindeiros meses, esta alianza servirá para afondar na investigación en economía da enerxía e do medio ambiente coa incorporación dun investigador de posdoutoramento especialista en economía e coa cooperación multidisciplinar entre o grupo REDE con outros equipos de investigación como EPhysLab, que fará as súas achegas dende o campus de Ourense. Para poder difundir todos os avances acadados, tanto entre o tecido empresarial como á sociedade en xeral, Universidade e cátedra organizarán tamén un evento anual en Vigo ou en Ourense enfocado á transferencia do coñecemento neste eido. En ambas actividades colaborará o Centro Internacional de Excelencia Hidráulica (CIEH) de GNF, que ten a súa sede na Cidade Tecnolóxica de Vigo.
Estes novos proxectos déronse a coñecer durante o acto de apertura da oitava edición do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible (MXDS), "tamén respaldado economicamente pola Cátedra GNF", como explicou o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez, durante o acto de inauguración, no que estivo acompañado polos codirectores da cátedra e coordinadores do mestrado, Xavier Labandeira e Alberto Gago, e polo director de Hidráulicas e do CIEH de Gas Natural Fenosa, Manuel Menéndez. "Esta cátedra non só achega recursos monetarios ao máster, senón tamén moita especialización coa colaboración desinteresada de expertos en diversas materias relacionadas", recordou Labandeira.
Deste xeito, a Cátedra GNF cumpre co seu obxectivo de promover actividades de formación, investigación, innovación e divulgación nas áreas da enerxía, o medio ambiente e o desenvolvemento sostible e complementa a colaboración que a compañía enerxética mantén coa Universidade de Vigo en materia de I+D+i no seu centro de excelencia situado en Citexvi. Nacido en decembro de 2011 "coa misión de promover e canalizar iniciativas de I+D en materia de aproveitamento de enerxía convencional e mariña", como asegurou Menéndez, o CIEH ten impulsado ao longo deste tempo 25 proxectos de investigación cun investimento total en Galicia de 14 millóns de euros.
Premio para un indicador de saúde da ría de Vigo
Durante o acto de apertura do MXDS procedeuse á entrega do III Premio Eva Pérez Seara ao mellor Traballo Fin de Máster e que este ano recaeu na ex alumna Rocío Rodríguez Torres pola súa adaptación para a ría de Vigo dun indicador de saúde dos océanos desenvolto a nivel global, unha investigación dirixida polos profesores da Universidade de Vigo Emilio Fernández e Gonzalo Méndez. "Adaptei as características ambientais a unha escala rexional para poder aplicalo aquí, pero agora sería interesante seguir afondando noutros ámbitos como o económico ou o social", asegurou esta licenciada en Ciencias do Mar. A dirección do mestrado decidiu poñer en marcha este galardón en recordo de Eva Pérez, estudante do Grao en Economía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e alumna do máster falecida no accidente de Angrois en xullo de 2013.Lonxe dos obxectivos climáticos para 2050
Estudantes procedentes de toda España, Albania, Colombia, Estados Unidos, Portugal ou Serbia e das titulacións máis diversas (dende Dereito, Ciencias Políticas, Enxeñería Industrial ou Xornalismo) participarán na oitava edición do MXDS, "unha titulación con multiplicidade de enfoques que debe gran parte do seu éxito aos seus 43 profesores, o 60% expertos de fóra da Universidade de Vigo", como sinalou Alberto Gago. Co gallo do acto inaugural do curso, os organizadores quixeron contar coa presenza de Teresa Ribera, directora do Instituto de Desarrollo Sostenible y Relaciones Internacionales (IDDRI) de Francia e unhas das protagonistas do vindeiro Cumio sobre o Cambio Climático que se celebrará no mes de decembro en París e que terá como un dos seus piares fundamentais acadar que, "por primeira vez, cada un dos 192 países que participan identifique o seu nivel de compromiso para manterse na franxa segura dos dous graos centígrados de aumento das temperaturas".O medo a non poder cumprir as expectativas fai que moitos dos países establezan uns límites "á baixa que seguramente serán sobrecumpridos, doutro xeito co que temos enriba da mesa nestes intres o quecemento global situarase nun aumento das temperaturas de entre 3,5 e 4 graos nos próximos anos". Para Ribera, os países chegarán a esta conferencia das Nacións Unidas coa convicción de que "o proceso de cambio é inevitable para todos os actores e que se debe actuar sobre as causas e non sobre os efectos". Se os obxectivos marcados ata o momento marcan para 2050 unhas emisión de 9000 millóns de toneladas per cápita, a cada país lle corresponderían 1,7 toneladas, cando nestes intres "España emite 8 toneladas, Estados Unidos 15 ou China 7". "Temos que activar o proceso de transformación e temos pouco tempo", subliñou durante o seu relatorio.




