Concedido polo foro aglutinador dos estudos ingleses en España

Jorge Luis Bueno recibe o premio AEDEAN á mellor tradución do 2014

É o único tradutor español que recibiu o premio en dúas ocasións, as dúas cunha tradución ao galego

Tags
  • Vigo
DUVI 18/12/2014

A tradución ao galego dun clásico da literatura medieval inglesa, Sir Gawain, acaba de converter ao profesor e investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución Jorge Luis Bueno no único español en gañar dúas veces o Premio Nacional da Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos, AEDEAN. Conseguírao en 2011 pola súa versión de Beowulf, outro clásico medieval inglés, e agora repite fazaña coa tradución do que está considerado o mellor romance artúrico da lingua inglesa. O mérito non remata aquí, Bueno é tamén o único tradutor premiado con publicacións en linguas diferentes ao castelán, neste caso ao galego, o que converte a este galardón nun novo recoñecemento nacional ao traballo da tradución en Galicia.

“A consecución deste premio supón unha honra tremenda para min. Xa é complexo gañalo unha vez, polo número de traducións que se publican cada ano dende o inglés; así que a miña ledicia foi aínda maior ao ser o primeiro que o gaña dúas veces nos 28 anos de historia do galardón”, subliña fachendoso o investigador, xa de volta de Alcalá de Henares, onde tivo lugar o último congreso de AEDEAN, onde lle comunicaron a boa nova. “O xurado sinalou especialmente a calidade das obras presentadas este ano e salientou as virtudes da miña tradución como gañadora, e iso encheume de emoción, claro”, recoñeceu Bueno, ao tempo que fixo fincapé na satisfacción que lle produce ter o recoñecemento dos expertos e dos compañeiros de profesión.

O premio AEDEAN recoñece a mellor tradución dende a lingua inglesa cara ás linguas oficias do Estado e poden presentarse todas as obras publicadas nos dous anos anteriores aos que se concede o premio, neste caso 2013 e 2014 e, no caso de Bueno, o xurado valorou tanto as dificultades do texto orixinal como a calidade do resultado final en lingua galega. Dotado cun importe que xira ao redor dos 400-600 euros, dado o modesto orzamento desta asociación na que se aglutinan máis de 1200 socios, o docente vigués destaca “que o prestixio de gañalo é máis importante ca os cartos neste caso”.

Unha historia, 2530 versos

Escrita na segunda metade do século XIV, Sir Gawain e o Cabaleiro Verde relata en 2530 versos como Sir Gawain, cabaleiro da Táboa Redonda, acepta o reto do Cabaleiro Verde, que desafía a calquera a batelo a cambio de entregarlle o seu machado, para que cumpra con el a súa vontade. Ser o máximo expoñente do rexurdimento aliterativo, unido ao feito inédito ata ese intre na literatura medieval, de entretecer os tres temas arredor dos que xira a historia: o xogo do descabezamento, a tentación protagonizada por unha muller e o intercambio de ganancias entre heroes, fan de Sir Gawain e o Cabaleiro Verde unha das obras máis relevantes da literatura inglesa medieval.

Editada en 1925 por JRR Tolkien e traducida a numerosas linguas non foi ata este ano que se puido ler en galego grazas á tradución do profesor vigués, a quen lle chegou a encarga da man de Rinoceronte Editora tras os bos resultados obtidos con Beowulf. O traballo comezou cunha primeira lectura do texto orixinal en inglés medio e a decisión de realizar unha tradución en verso, coas dificultades que isto implica, ao ter que respectar as catro partes ou fytts nas que se divide, así como as 101 estrofas, co gallo de facer máis compresible a estrutura narrativa do poema.

Novo proxecto: Contos de Canterbury

Tras as tradución de Beowulf e Sir Gawain, Jorge Luis Bueno está xa a traballar nun novo proxecto: traducir ao galego Contos de Canterbury, de Geoffrey Chaucer, unha das obras de máis influencia da literatura inglesa.

“Niso estou. É unha tarefa longa pola extensión e a complexidade da obra, máis coido que o galego merece tela na nómina de obras traducidas, e a tarefa para min vai ser apaixonante”, recalca o investigador, que admite que non sabe cando poderá rematala, pero “polo de agora, estou a gozar do proceso. Os lectores terán aínda que esperar, mais penso que espera pagará a pena”.