Unha vintena de estudantes cursa o único título universitario de especialista en dobraxe impartido e

Aprendendo a poñer voz ás interpretacións alleas

Os dobradores galegos de Robert de Niro ou Meryl Streep achegan os seus coñecementos ao alumnado

Tags
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/12/2014

Dunha banda, danse cita o desexo de aprender e perfeccionar o aprendido, a procura dunha saída laboral e mesmo a paixón. Doutra, a experiencia, a profesionalidade que outorgan décadas de traballo, o pracer de ensinar e tamén a paixón. E é que paixón pola dobraxe é a que se respira entre o alumnado e o profesorado do Título propio de Especialista que comezou a impartirse o pasado mes de setembro por primeira vez na Universidade de Vigo e tamén nunha institución académica pública en España. En cinco días o curso cubriu todas as prazas que ofertaba entre actores e actrices de dobraxe, alumnado dos ámbitos da comunicación audiovisual, lingüístico, dereito e “mesmo profesionais con máis de vinte anos de experiencia no sector da dobraxe”, segundo explica Xoán Montero profesor do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e coordinador do curso.

Non vinte, pero xa algúns anos leva Uxío Couto investigando o mundo da dobraxe en Galicia e xuntando no seu arquivo documentos e gravacións. “O curso ofréceme a posibilidade de dedicar máis horas a formarme como investigador”, asegura tamén este actor de dobraxe, “algo que fago de xeito autodidacta desde hai anos, cando a profesión en Galicia atravesa unha forte crise e a pouca frecuencia de traballo impide estar en forma cando corresponde”. Non do mundo da dobraxe procede Iria Faro, outra alumna do curso, que rematada a carreira de Tradución e Interpretación e tras un ano no estranxeiro, decidiu matricularse neste curso por que “sempre quixen traballar para os medios culturais e pareceume xenial complementar o mestrado cun curso de dobraxe. Se podo traducir películas, por que non dobralas?”, pregunta.

Os “profes” Mourelos, Pena e Rubal

Fan posible que Jeremy Irons, Robert de Niro, Meryl Streep ou Daniel Craig falen galego. Son algúns dos dobradores e dobradoras máis destacados do país, que desta volta se enfundan o traxe de docente para transmitir os seus coñecementos ao alumnado do Título propio de Especialista en Dobraxe. Actor e director de dobraxe e actor en series como Matalobos, El secreto de Puenteviejo ou en longametraxes como O lapis do carpinteiro ou 18 comidas, o tamén presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, encargase de achegar ao estudantado do curso a parte práctica da dobraxe, “os ensaios, a gravación e o posterior visionado e análise das gravacións. Intentarei achegarme sobre todo á dobraxe desde o punto de vista máis da interpretación que da técnica en si”, explica.

Directora e actriz de dobraxe desde 1985, Charo Pena é a responsable, entre outros traballos de dirección, de Amadeus, A lista de Schlinder ou Seven. “Tras tinta anos traballando no sector espero poder achegarlle ao alumnado do curso o coñecemento adquirido. Voume ocupar de dous aspectos menos coñecidos do proceso de dobraxe: o axuste e adaptación de textos audiovisuais e o labor de dirección”, detalla Pena en relación con dous aspectos “fundamentais” para acadar un traballo de calidade.

Responsable da versión galega de filmes como Pulp Fiction ou Apocalipse Now e de series como O príncipe de Bel Air ou Heidi, José Antonio Rubal céntrase na esixencia que un director de dobraxe ten cos actores á hora de enfrontarse aos distintos tipos de traballos e producións nunha sala de gravación profesional, así como calibrar e perfeccionar as competencias de cada alumno no traballo ante o atril. “Intentarei aportar a miña experiencia e un achegamento a mecanismos básicos para poder introducirse na profesión, buscando solucións aos principais atrancos que un profesional da dobraxe pode atopar, sobre todo cando un é principiante”, sinala Rubal.

Luis Iglesia e Antía Álvarez completan a relación de docentes de dobraxe do curso, que tamén conta con profesionais da tradución audiovisual, a fonética e fonoloxía e o son que trasladarán os seus coñecementos ao alumnado.

A prol dunha formación regrada e de calidade

A iniciativa da Universidade de Vigo de situarse á vangarda do sistema universitario público á hora de impartir un título propio de especialista en dobraxe é valorada de xeito unánime por docentes e alumnado do curso como “moi positiva”. Charo Pena lembra que a profesión sempre estivo loitando para conseguir que a formación estivese regrada e que “unha institución como a Universidade de Vigo se implique agora neste proceso, é un paso fundamental, ademais non sobra recordar a importancia que a dobraxe tivo e ten como peza fundamental da normalización lingüística”. Para Antonio Mourelos que a formación universitaria para os e as profesionais da dobraxe resulta, cando menos, “moi útil, se por exemplo dentro da mundo da dobraxe e das múltiples opcións de traballo, se opta pola dirección ou pola adaptación de textos para dobrar”. Mentres, para José Antonio Rubal “a formación no noso sector rara vez foi tomada en serio en Galicia e que chegue á universidade é un fito que confío sexa un punto de partida para axudar a un rexurdimento da profesión no país”. Neste sentido, o actor e director non agocha a súa preocupación por un sector que necesita recibir un pulo coa creación dun clúster galego da dobraxe e o apoio de consellerías como Cultura e Industria para reverter o feito de que “no momento de maior demanda de traballo en España, Galicia estea en mínimos históricos”.

Serán os novos e novas tituladas quen de contribuír a mudar esta tendencia? Cando menos aspiracións e gañas non lles faltan. A Iria Faro vénlle de nena, cando xa se preguntaba “que había que facer para ser a voz dos debuxos animados”. Mentres, para Uxío Couto, o futuro da profesión vese nestes momentos moi incerto, “pero eu estou decidido firmemente a formar parte del. Cousas da paixón …”. asegura.