O día 29 de maio celebrarase a segunda xornada de intercambio de experiencias co Sergas

A túa investigación pode axudar a mellorar a atención sanitaria?

As persoas interesadas poden presentar comunicacións ata o 15 de marzo

Tags
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 07/02/2014
Desde o ano 2011, a Unidade de Investigación da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e grupos de investigación do campus traballan co obxectivo de estimular a colaboración entre o ámbito sanitario e o universitario. Froito desta sinerxía, nos últimos anos desenvolvéronse con éxito diversos proxectos conxuntos, en temas como o control da tuberculose e da enfermidade nosocomial, e puxéronse en marcha unhas xornadas bianuais para estreitar esta relación. O día 29 de maio celebrarase a segunda edición destas xornadas e os seus organizadores queren convidar a investigadores e grupos das diferentes áreas do campus, desde a científica á empresarial, a que presenten nelas traballos que poidan contribuír a unha mellor atención e xestión sanitaria.

A cita, que leva por título II Xornada de Investigación Biomédica, ten por obxectivo promover e difundir a investigación no eido das ciencias da saúde en Ourense, así como empoderar o traballo científico desenvolvido por un amplo colectivo de profesionais, tanto do Sergas como do propio campus. A xornada, explican os seus promotores, permitirá facilitar a comunicación entre os distintos investigadores, promovendo sinerxías e estratexias de coordinación que poden contribuír á mellora real da atención sanitaria dos pacientes en Ourense. O obxectivo último é unir forzas entre as dúas institucións para avanzar na investigación neste eido e ofrecer así á sociedade un mellor servizo que redunde na súa saúde e no seu benestar.

Precedentes de éxito

“Aínda que o Sergas na provincia ten unha función principalmente asistencial tamén hai grupos que están a facer investigación e con algúns deles vimos desenvolvemendo con éxito diferentes proxectos de investigación nos últimos anos”, explica Florentino Fernández, docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus. Deste xeito, o seu grupo, Sistemas Informáticos de Nova Xeración SING, creou, a través da Fundación Cabaleiro Goás e con investigadores do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, un Observatorio Transfronteirizo Galaico-Portugués de Control da Tuberculose e un sistema intelixente de procura e clasificación de casos de infección nosocomial, entre outras iniciativas.

Outros investigadores do campus, comenta Florentino Fernández, por exemplo do Grupo MILE, Medical Informatic and Learning Environments; da Facultade de Ciencias e de Ciencias Empresariais e Turismo tamén teñen realizado diferentes colaboracións no eido da investigación coa Xerencia de Xestión Integrada do Sergas na provincia. “A idea para esta segunda xornada é ampliar esta relación, que máis grupos e investigadores do campus dean a coñecer neste foro as súas liñas de traballo e buscar intereses comúns dos que podan saír novas iniciativas”, engade o docente ourensán. Deste xeito, apunta, ata o 15 de marzo poden presentarse comunicacións sobre proxectos ou estudos finalizados, en curso ou futuros que se consideren de interese tendo en conta os obxectivos da xornada.

A cita será o 29 de maio no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico do campus e agárdase, tendo en conta a elevada participación da primeira edición, que asistan arredor dunhas 180 persoas, tanto investigadores como profesionais do eido da docencia e da investigación da provincia e do resto da comunidade autónoma. A data límite para inscribirse como asistente é o 15 de maio.