Ultímase a creación dunha spin-off e contactos con países para validar a aplicación comercial do sis

A carreira aeroespacial da Universidade de Vigo entra nunha nova dimensión co lanzamento do Humsat-D

O satélite vigués entrará en órbita o 21 de novembro cunha previsión de vida útil de dous anos

Tags
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 06/11/2013

En quince días o cosmódromo ruso de Yasni será testemuña do lanzamento do foguete Dnepr que levará a bordo unha carga dunha trintena de satélites entre os que se atopa o Humsat-D desenvolvido pola Universidade de Vigo. Aloxado no interior do satélite nodriza Unisat-5, a posta en órbita de Humsat-D marcará un novo fito na historia aeroespacial da institución académica que partindo o pasado ano dun cubesat educativo como o Xatcobeo, situarase a partir dese momento no punto de partida do desenvolvemento dun proxecto de dimensión mundial, Humsat, posto en marcha en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea e orientado ao fomento de capacidades en el sector espacial sobre todo en países emerxentes. Humsat-D que terá unha vida útil de dous anos, permitirá facer unha proba completa do sistema, recollendo datos e verificando o funcionamento da constelación antes de que os oito satélites que a completan sexan postos en órbita nun futuro.

Co lanzamento o vindeiro 21 de novembro do satélite demostrador desenvolvido pola Universidade de Vigo, culmínase un proceso de traballo dun ano ao tempo que se iniciará un novo período que resultará determinante para confirmar a viabilidade dun proxecto que segundo se confirmou hoxe na presentación previa ao lanzamento, desembocará na creación da que será a primeira spin-off aeroespacial da Universidade de Vigo, ao tempo que impulsou o inicio de negociacións con varios países para validar a aplicación comercial do sistema.

“A nosa intención”, explicou o coordinador do proxecto e profesor da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, “é unha vez finalizo todo o proceso de aprobación da spin-off, transferir tecnoloxía ao tecido industrial para o que estamos a traballar en acordos con socios internacionais na definición de estratexias para o desenvolvemento de cubesats e satélites de maior tamaño de 50 a 100 quilos para cubrir un espazo estratéxico nos próximos anos”. Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou “a situación de claro despegue que ten a nosa institución académica respecto doutras que van lanzar en 2014 ou 2015 os seus primeiros satélites. Nós podemos transferir ese coñecemento, non só impulsando a emprendedores, senón tamén coa posta en marcha da que será a primeira spin-off aeroespacial”. E é que segundo o reitor a Universidade de Vigo aspira a acadar iniciativas gobernamentais para transferir coñecemento e asinar contratos en todo o mundo, “esperemos que a partir de agora , afortunadamente que a liña do espazo é unha liña que está dentro do segundo obxectivo do RIS3 da comunidade galega, dentro dese epígrafe de enxeñaría aeronautica e aeroespacial teñamos ese apoio institucional global de Galicia que de momento estamos camiñando polo mundo pero bastante sos”.

Acordos con varios países para validar a aplicación comercial do sistema

A validación do proxecto Humsat a partir do lanzamento de Humsat-D permitirá desenvolver numerosas aplicacións prácticas que nalgúns casos xa están a ser negociadas entre os responsables do proxecto na Universidade de Vigo e varios países. “Actualmente estamos nunha fase de negociación moi avanzada en temas de control de augas e de telemedida” explicou Fernando Aguado que destacou que este sistema permitirá a grandes países “por exemplo redefinir redes de seguimento profesional das súas instalacións en temas de polución ou mesmo control de intrusismo”.
Os satélites integrados no proxecto Humsat que ten como principal entidade financiadora ao Ministerio de Ciencia y Tecnología a través do Plan Nacional del Espacio, ao pasar por riba dos sensores recollerán os datos necesarios para prestar un determinado servizo empregando para iso unha banda de radio UHF, entón descargarán e porán en internet esta información a disposición do usuario final. Ademais de ser quen de situar no mapa da transmisión de datos aos países en vías de desenvolvemento, Humsat pon a disposición de calquera entidade, institución ou mesmo particular a posibilidade de dispoñer da información que precise, o que evidencia a apertura dun novo segmento do mercado aeroespacial.

Sumada a esta democratización da tecnoloxía aeroespacial, Humsat ten na economía un dos seus principais valores ata o punto, como sinala o coordinador do proxecto, de que “antes era impensable que por prezos tan baixos como 10 euros alguén se puidese conectar cun satélite”. Aguado que destacou que “somos líderes en Europa no segmento terreo”, sinalou que “estamos no punto de partida dun novo campo no que xa non só as universidades, senón tamén gobernos e empresas privadas van utilizar con fines comerciais e profesionais os satélites”. Unha idea na que afondou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, ao lembrar que “a demanda mundial non só é privada, senón tamén gobernamental , para ser donos da súa capacidade de comunicación e información, algo que será máis posible con esta segunda revolución da enxeñaría do espazo”.

Pasado, presente e futuro do Plan Estratéxico Aeroespacial da Universidade

60 doutores profesores, 70 egresados no campo aeroespacial e 15 enxeñeiros dos grupos SC1 / Equipo de Radiocomunicacións e SC7/ Equipo de Antenas, Radio e Tecnoloxías Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; EG6/Equipo CIMA e TE4/ Equipo de Electrónica de Potencia da Escola de Enxeñaría Industrial e LIA2/ Laboratorio de Informática Aplicada da Escola Superior de Enxeñaría Informática, conforman o Agrupamento Aeroespacial da Universidade de Vigo que foi o encargado de deseñar toda a infraestrutura do proxecto Humsat e será responsable de implementar a infraestrutura de terra para que o resto de universidades que participan no proxecto poidan lanzar os satélites e localizar os sensores.

Un proxecto que xunto á posta en órbita do Xatcobeo que desde o seu lanzamento en febreiro de 2012 ten orbitado máis de 9000 veces arredor da Terra durante os 632 días que leva no espazo, marca segundo o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, “un fito no Plan Estratéxico Aeroespacial da Universidade de Vigo” e aos que compre sumar GENSO, a rede mundial de estacións de seguimento; ESEO e ESMO orbitadores nos que a Universidade colabora; Femtoxat o pequeno satélite de 250 gramos que previsiblemente será lanzado o vindeiro ano e Ballonxat, proxecto de lanzamento de globos estratosféricos. Así mesmo, Vilán confirmou a existencia de negociacións para a participación na constelación xaponesa UNIFORM que incorpora cámaras para detectar lumes e tamén a temperatura do mar. En canto ás posibles aplicacións a medio e longo prazo de microsatélites, o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento apuntou ao desenvolvemento de constelacións LEO de micro, nano, pico e femtosatélites, así como dunha rede mundial de segmentos terreos conectados por internet e á cobertura mundial con seguimento en tempo real.